segunda-feira, 20 de setembro de 2010

O agasallo

Xa hai ben tempo que recibin este fermoso agasallo de Acuática, e malia a vergoña que me dá a tardanza en responder ao pedido (aínda que si llo agradecín nesa altura), cumpro agora coa encomenda de poñer no meu blog a imaxe de Vale a pena ficar de olho neste blog! xunto á relación de dez blogs que para min merecen esta distinción. 
E velaquí os están:










domingo, 19 de setembro de 2010

Tan perto e tan lonxe

Moitas veces adoitamos buscar lugares sorprendentes e marabillosos lonxe da nosa casa ou do noso país. As máis delas comprobamos as diferencias e o atraente dos lugares afastados xeográfica e culturalmente, pero non sempre nos decatamos das marabillas que temos á beira.

Como esta semana tiven algúns días soltos de vacacións, que agradecín para poñer en orde a vida doméstica e comezar setembro cos deberes feitos, aproveitei tamén para convidar aos da casa a facermos unha pequena excursión. E alá fomos, tan perto pero tan lonxe, a Monteferro. Porque o certo é que imos moitas veces ás praias de Nigrán pero xa había ben tempo que non subiamos a este recanto.

Andar non andamos moito, que os rapaces estaban cansos e xa ía moita calor contra o mediodía, pero puidemos comprobar que a urbanización aumentara moito no inicio da subida con respecto á última vez que estiveramos alí, ao mellor demais (beirarrúas en exceso, farois, cableados, rotondas, piche, e demais signos de "modernidade"). Logo, buscando na rede, atopei que xa hai xente comprometida e preocupada por este fermoso contorno natural e o seu futuro, e que cómpre estarmos atentos a estes e outros lugares para que non sexan vítimas da especulación e a urbanización excesiva.

Aínda así fixemos unha ruta que nos levou dende o comezo da estrada ata a punta máis ao norte-noroeste, onde puidemos comprobar que rozaran a vexetación recentemente e accedimos a un pequeno cabo dende onde miramos as Illas Cíes ao noso carón, a Praia de Patos á dereita e o Faro de Monteferro á esquerda.

E enriba duns cons, alá no fondo, estaban pousados uns corvos mariños que miraban cara ao horizonte.
 O certo é que daba gusto camiñar polas zonas máis sombrías, sentindo o recendo do mar e a frescura do vento mareiro. Iso si, nalgúns lugares, amáis de piñeiros abondaban tamén as acacias e as mimosas, que parece que dun tempo a esta parte están a medrar sen control. Cumpría unha boa limpeza destas especies invasoras.

Logo collemos o coche novamente ata o cumio onde se vían con claridade as Estelas, Panxón, Praia América, Monte Lourido, a Praia de Santa Marta e Baiona. Era como unha imaxe desas de 360º das webs de turismo, a facernos tolear e confundir, que un xa non sabía onde era mellor deter a vista. Logo camiñamos arredor do monumento á mariña universal, que tamén ten a cancela que dá á cheminea interior rota e cun monte de broza dentro. O contorno do merendeiro coas súas mesas e asadoiros estaba limpo e en bo estado, e convidounos a volver noutra ocasión acompañados dunha boa merenda para ver dende alí o solpor.

Oxalá que non estraguen este fermoso lugar, que para acondicionar os espazos de recreo non é preciso empichar e encher de cemento todo canto hai. Para os bos camiñantes non hai nada mellor que os carreiros e camiños de terra e pedras.
Dende alí baixamos deica Panxón para lles mostrar aos cativos unha das fermosas creacións do noso paisano, o porriñés Antonio Palacios: o Templo Votivo do Mar. Así puidemos ensinarlles unha das marabillas do arquitecto porriñés, ao que pouco a pouco e sen se decatar van admirando e afeccionándose. E cando se senten ao seu carón no banco da Praza do Concello saberán algo máis deste artista da edificación.
E sen querelo, nós tamén, lembramos algo xa esquecido: a existencia, a carón deste templo, dun arco xermánico.

 
Ás veces descubrimos ao noso carón cousas marabillosas que mostran a sabedoría dos nosos devanceiros e, coma neste caso, unha concepción estética do contorno admirable.


quarta-feira, 8 de setembro de 2010

Nordestinas no sur

Hoxe o día amenceu morriñento, coa preguiza esa que se acubilla en nós cando comeza a refrescar e se fai preciso achegar a roupa ao pescozo ao espertar. Parecía máis un día do norte que do sur, maiormente polas nubes negras e grises que fixeron do ceo un mar de algodón.
Lembrei as NORDESTINAS, que o sábado estiveron no Porriño regalándonos os sentidos...

A súa forza no directo é marabillosa: a voz profunda e agarimosa de Ugía; a vocalización e expresividade magnífica da voz aguda de Guadi; e os harmónicos sons producidos polos vertixinosos dedos de Abe envolvéronnos nas ondas dese mar do norte do que falaban.

Claro que, á parte da música, as súas palabras e comentarios retranqueiros tamén nos enriqueceron, e así soubemos que aos jodechinchos chámanlles en Cedeira carollos (referido principalmente aos veraneantes de Ferrol). E é que en todas partes espiga o pan, e xa se sabe que entre veciños...

Dende este sur abafante, nun verán ardente e longo de máis, recibín con verdadeira emoción e pracer aos nordestinos, igual que hoxe recibín marabillada o cheiro a inverno coa auga do ceo feito de algodón gris.