segunda-feira, 21 de novembro de 2011

Era visto!

Pois si. Ventando os "neboeiros" que chegaron despois do reconto das mesas, onte fixemos o re-magosto, desta volta cos cativos tamén.

O día non puido estar mellor, mesmo pasamos calor de máis (quen o ía dicir nun 20 de novembro). Claro que, coincidindo nesta data certas celebracións do pasado, un pode agardar calquera cousa.
Nós, mentres houbo luz, aproveitamos para comer, beber, tocar e escoitar música, xogar ao pano, ao brilé e ao fútbol, que neste lugar hai sitio para todo. E suamos, rimos e abafamos, pero sobre todo pasámolo de medo, e aínda máis os máis cativos.

Así que o abraio que veu despois das dez da  noite xa formaba parte doutro día, doutro rumbo que haberá que coller apertando ben as cordas entre as mans.
De agora en diante o panorama vai mudar, e non precisamente a mellor. E por riba estaremos rodeados de soso-men e sosa-women, aburridos e grises, igual que apareceu o día hoxe.

Para combatilo ocórreseme que se poden ver algúns capítulos desta miniserie cómica da TVG, ERA VISTO, que sempre pode axudar a rir, mesmo de nós mesmos.

sábado, 19 de novembro de 2011

"Hilitos de plastilina"

Non puiden evitar pensar en varias ocasións, durante esta semana, na pouca memoria que temos (ou que ten a maioría da xente). Basta que nos emborrachen con noticias interesadas que logo esquecemos o que non interesa lembrar. Menos mal que houbo xente que nos refrescou a memoria e demostrou que a memoria tamén pode ser selectiva: Lira, Facer memoria, ou Os danos da marea negra.

Aínda así non podo esquecer a amargura e a angustia destes mesmos días do ano 2002, a tres semanas de ter a miña pequena, co maior ingresado no hospital con meninxite (que por sorte superou sen problemas), e o Prestige a verter "regueros solidificados con aspecto de plastilina en estiramiento vertical", chamados polo protagonista da frase "hilitos de plastilina". Ese 19 de novembro vino afundir en directo, na TV, dende o cuarto do hospital, a carón do meu fillo que se recuperaba.

E hoxe quixera ter de novo esperanza, pero as novas que nos agardan mañá non creo que vaian por ese camiño.

Polo menos haberá que seguir tendo memoria.

terça-feira, 15 de novembro de 2011

Magosto

E por fin chegou o magosto, que o ano pasado non puidemos facelo polo tempo os días que se podía.

E foi unha grande festa entre amigos, como nos vellos tempos: castañas, chourizos, empanada, tinto novo do Ribeiro e licor café. Que máis lle imos pedir?





Estivemos nos Canivelos, en Mende, e dende alí tiñamos estas fermosas vistas do Ceboliño e máis da cidade das Burgas.

Auriense
O Ceboliño
O día estivo especialmente quente e ventoso, que mesmo ás veces parecía que ían fuxir unhas muxicas a facer algún estrago. Mais finalmente a cousa non pasou a maiores. Ben é certo que cumprimos coas recomendacións do permiso do concello,  rodeamos a fogueira de pedras e apartamos canta cousa puidera prender nela, e finalmente deixámola ben apagada.

Así que o día saíu redondo, e o San Martiño deixounos gozar a nós máis cós devotos na véspera.


E quen se vai resistir a saborear ese viño e eses chourizos,  gozando da boa compaña dos amigos, que por riba están  tamén orgullosos da nosa lingua.

Nunca mellor dito o de LUME!
E que se repita moitos anos máis.



 

quarta-feira, 9 de novembro de 2011

A Devesa da Rogueira

Por fin chegou o agardado, aínda que o tempo non acompañou de todo, e fixemos a Devesa da Rogueira.
A Devesa

Había ben tempo que agardabamos poder meterlle o dente, pero desta volta foi, e de certo que cumpriu as espectativas. Por iso, antes de que se borren da memoria as imaxes, os sons e os arrecendos, non podo deixar de mostralo, que xa antes outros o fixeran por min.

Saímos da aula da natureza en Moreda e o camiño foise abrindo maxestuoso á beira do río Moreda, e afastándose del a medida que iamos ascendendo. Non sei dicir a cantidade de árbores e plantas que vimos, pero, coma sempre no outono do Courel, abraiáronos as cores dos castiñeiros - uns acastañados e outros máis rubios -, que facían do camiño un abano de cores entre verdes-vermellas-amarelas que quitaban o sentido. E por riba o orballo, que por momentos se fixo sentir de xeito insistente.
Entre castiñeiros
O manto verde e amarelo pasaba ás beiras e por riba de nós, e mesmo parecía que estabamos apartados do mundo, enleados nun manto natural que enchía os nosos pulmóns de osíxeno e lentura.

Castiñeiros e abeleiras
Logo comezou o camiño a complicarse e a pendente a facerse máis pronunciada, e co esforzo do ascenso comezaron a aparecer ante nós acivros, teixos, e abruñeiros, que seguían a mesturarse coas abeleiras e os castiñeiros de xeito máxico.

Acivros


Teixos
Fonte do Cervo

E finalmente, despois dun longo ascenso de case dúas horas, pisando unha alfombra vermella de follas e ourizos, chegamos á Fonte do Cervo, onde os dous mananciais parecían ferver no medio da néboa e do orballo.


Alí nacen, nunha mesma rocha, dous mananciais distintos: un de augas ferruxinosas e outro de augas calcáreas, que seica teñen propiedades curativas e sona de estimular o apetito.



O certo é que o noso saíu estimulado, non sei se polo esforzo ou polos sabores que esta terra nos ofrece, pero á noite demos boa conta de deliciosos manxares en Vilamor, onde saboreamos novamente castañas con xabarín, entre outros variados agarimos que lle demos aos sentidos.
Castañas con xabarín



Ao día seguinte a ruta foi máis sinxela, que tiñamos dores musculares e os nenos estaban algo cansos. Así que saímos de Seoane e collemos o roteiro da Ponte de Covas,  e despois enlazamos coa ruta da Mina da Cova. Aquí a natureza brillou novamente ante os nosos ollos, pero por riba as raiolas de sol que se coaban entre a follaxe dábanos a impresión de estarmos camiñando polo mesmísimo Arco da Vella. Logo atravesamos o río Lor e uns soutos centenarios ata chegar a Esperante.


Así que sendo tan proveitoso este "paseo natural", non habemos tardar en recuncar.

Que razón tiña Novoneyra:
"Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe! 
Eiquí síntese ben o pouco que é un home..."