terça-feira, 31 de dezembro de 2013

De Cádiz a Sevilla

Hai xa tanto tempo que non escribo por aquí que case non me lembro do que hai que facer. E dende que empecei esta entrada xa pasaron algúns meses.Mais a intención é continuar, aínda que sexa de cando en vez, pero sobre todo cando queira lembrar algo importante para o arquivo da memoria. E as vacacións son unha desas cousas, porque son xeralmente a descuberta de novos lugares, xentes e costumes, que nos enriquecen e nos fan pensar.

Hai xa uns meses andabamos polo sur, entre a costa de Cádiz e a cidade de Sevilla, e a experiencia foi moi gratificante. Ademais tivemos sorte co tempo que, aínda que fixo calor, non abafou como adoita facer por esas latitudes, e moito menos do que sufriramos en Galicia coa vaga de calor duns días atrás.

A base do campamento estivo os primeiros días en Chiclana de la Frontera, na praia de La Barrosa. Unha fermosura!
Mais á beleza do areal xuntábase tamén a temperatura da auga, que non fixemos máis que estar en remollo.
Pero se hai algo que nos marcou especialmente foi a illa de Sancti Petri, que tivemos a sorte de visitar. Fomos nunha pequena embarcación (hainas a centos para este mester) que nos achegou ao illote, e alí gozamos cunha visita guiada do máis interesante e divertida.
Soubemos da antigüidade da illa, de que xa estiveran alí os Fenicios, de que foi inicialmente un templo na honra de Melkart, e dos sucesivos usos deste anaco de terra que figuraba en todas as cartas de navegación como un lugar estratéxico de gran valor.
E curiosidades coma unha planta en vías de extinción, o "Jopo de Lobo" (ou "carajos de moro"), e un tipo de pedra - coa que se construíu o castelo - que está formada por restos de cunchas compactadas, a "Pedra Ostionera".
Jopo de Lobo
Pedra "ostionera"











Alén do patrimonio natural e cultural, e como parte importante deste, gozamos tamén da gastronomía: "tortitas de camarones", "pescaíto frito" ou "salmorejo" foron os máis destacados.

Pescaíto frito
Tortitas de camarones
Salmorejo
E falando de gastronomía, descubrín o que para min foi unha grata sorpresa: en Cádiz aos chícharos tamén lle chaman chícharos.

Ademais de visitar Chiclana, aproveitamos para nos achegar a Cádiz (o Gadir dos antigos), que é unha fermosura. Só puidemos facernos unha idea xeral desa fermosa cidade chea de mar e rúas estreitas que protexen a xente do vento mareiro (porque alí o vento é algo moi característico e está sempre presente). Iso si, deunos tempo de pasear polas rúas, subir á Torre de Poniente da Catedral e gozar dende alí das impresionantes vistas da cidade (que mesmo parecía que estabamos nunha illa, pois só se miraba mar ao lonxe, viras por onde viras); visitar o xacemento arqueolóxico da "Casa del Obispo", a praia de "La Caleta", e o castelo de Santa Catalina, un edificio histórico ben aproveitado onde hai exposicións de arte, de historia e arqueoloxía, e concertos ao aire libre no seu patio interior. Unha marabilla de cidade que quedou pendente seguir descubrindo.

Praia "La Caleta" dende o Castelo de Santa Catalina

Vista de Cádiz dende a Torre de Poniente da Catedral

Rúa na zona antiga de Cádiz
Como aínda tiñamos uns días e queriamos coñecer máis lugares do sur, fixemos tamén unha longa excursión que nos levou por pobos brancos da montaña como Vejer de La Frontera (onde nos fixo de guía no seu castelo unha voluntaria Boy Scout, á que case non se lle entendía a fala pola fonética tan "andaluza" que tiña, con ceceo, seseo e sen pronunciar a metade das vogais); a antiga cidade romana de Baelo Claudia (que nos levou case dúas horas percorrer baixo un sol de xustiza, e da que o fillo maior non deixaba de observar todos os restos de construcións); o núcleo antigo e mais o Castelo de Guzmán El Bueno, na ventosa cidade de Tarifa; e mesmo pasamos ao "estranxeiro", que aínda pasamos dúas horiñas en territorio de Xibraltar.

Vejer de la Frontera vista dende o Castelo

Baelo Claudia coa duna ao fondo

Castelo de Guzmán El Bueno en Tarifa


E finalmente pasamos unha longa fin de semana en Sevilla.
Alí compartimos aloxamento na casa de familiares, que foron uns excelentes anfitrións en Mairena de Aljarafe. E dende alí colliamos o metro para visitar a capital.

Non sei moi ben o que podo destacar de Sevilla, porque alí todo ten un arrecendo a historia e cultura do que non é fácil escapar. Dende o "desembarco" do metro en Puerta Jerez, os coches de cabalos, a calor, e o ruído da auga nas fontes perseguíronos por todas partes.

A Catedral, mostra da convivencia de diferentes pobos, culturas e estilos arquitectónicos ao longo dos séculos, dende a súa mezquita orixinal, pasando pola grandiosidade gótica e chegando despois ao barroco. Dende a súa torre, La Giralda, pódese ver a cidade en todo o seu esplendor, cos seus barrios máis tradicionais como Santa Cruz, coas súas rúas estreitas e cheas de vida.
Diante da Catedral de Sevilla
Vista dende La Giralda
"Patio de los naranjos" dende a Giralda
Terrazas en Santa Cruz
Movémonos avidamente para coñecer en tan pouco tempo unha cidade que ten tanto e de tan diferentes orixes. A calor sempre se vía minorada polos "surtidores espontáneos" que daban humidade e frescura, mesmo nas terrazas dos bares. A sombra dos numerosos parques (Prado San Sebastián, parque de Mª Luisa, ...) convidaban a seguir camiñando e avivaban a nosa curiosidade. A Praza de España, coa súa grandeza e ostentación, íanos dicindo como cambiaron as cousas dende a exposición iberoamericana de 1929.
Praza de España
Pontevedra na Praza de España    


 A medida que continuamos camiñando íanse mostrando ante nós as estampas típicas vistas centos de veces en fotos e reportaxes, dende a Torre del Oro aos xardíns que bordean o paseo de Cristóbal Colón a carón do río Guadalquivir e do canal de Alfonso XIII. E na marxe contraria Triana vixiante do que acontece na zona máis tradicional de Sevilla despois de atravesar o río, como se quixera observar dende a distancia o que fai o goberno de Andalucía no Palacio de San Telmo.



Descansando a carón da Torre del Oro
Pero se hai algo que nos impresionou de verdade foron os Reales Alcázares, non só pola extensión do seu recinto e xardíns, que tamén, senón pola riqueza da súa arquitectura e da súa disposición.
Muralla exterior e porta do León
Patio de las Doncellas
Baños de Dna. María Padilla
Como sempre que visitamos palacios de reis e nobres pensamos na sorte que pode supor ter ese estatus ou ser favorito do Rei (como a amante de Pedro I, María Padilla, á que dedicou unha construción singular e fermosa só para que ela se puidera bañar no verán). E do inxusta e cruel que pode ser a vida para quen nace servo e pobre.

Como de todo se aprende e as imaxes permanecen durante moito tempo na nosa retina, esta cidade non vai ser esquecida, pero aínda quedamos con ganas de visitala máis de vagar, sen présas e sen tanta calor.