quinta-feira, 2 de janeiro de 2014

Días de natureza en Teverga e arredores

Pasou xa tanto tempo que é difícil resumir todo o que vivimos nunha fin de semana na Senda del Oso, situado no Parque Natural de Las Ubiñas-La Mesa, en Asturias.




Foi turismo de natureza con maiúsculas, onde atopamos faias, freixos, carballos, teixos, abeleiras ou acivros, a carón de montes rochosos inmensos e de ríos coma o Teverga ou o Carzana. Alí fixemos parte da Senda do Oso en bicicleta, como é habitual na zona de Teverga e Proaza, e outras rutas fermosas coma o desfiladero de las Xanas, que aínda que máis pequeno có do Cares (que xa fixeramos), é dunha beleza igualmente extraordinaria. O camiño ascende como tallado na pedra nalgúns tramos, e a altura do barrancos é, nalgúns casos, de arrepío. Realmente era como ir por un camiño de cabras, que atopamos en máis dunha ocasión.

Desfiladero das Xanas
Prados en Pedroveya
Non é que sexa de grande dificultade, mais nos tramos finais as pendentes son bastante pronunciadas. Pero as vistas que se van tendo durante o ascenso, e logo, ao chegar á aldea de destino, Pedroveya, parece mesmo que acabas de chegar ao paraíso, cos seus cumios altos e pedregosos ao lonxe e os herbais verdes e vizosos como só os hai alí. Por momentos parecía que estabamos nos mesmos prados ca Heidi.

Mais, alén da marabilla para os ollos, o sentido do gusto tivo aínda un premio maior impagable: o banquete de comida caseira (fabada e pote incluídos) que gozamos en Casa Generosa, para non esquecer. Deste xeito dá gusto esforzarse para o ascenso.

Estrañamente ao que adoita acontecer en Asturias, tivemos unha calor abafante eses días, que mesmo á noite e nesas altitudes debería ceder. Mais non,  a sensación de calor e humidade fixo parte da equipaxe en todo momento.

Xa de volta a casa, aproveitando que atravesamos o Bierzo, quixemos visitar as Médulas, e a sensación foi espectacular. A natureza acolleunos en todo o seu esplendor, e a fermosura do que vimos fíxonos esquecer por momentos a abafante calor. O contraste visual entre a verde vexetación e mais a terra avermellada é un espectáculo para os sentidos.
En fin, unha fin de semana moi ben aproveitada que nos deixou o pouso suficiente para desexar volver en breve.