domingo, 6 de setembro de 2015

Sanabria 2014

Comezo agora a facer memoria dalgúns dos lugares máis fermosos que visitamos neste tempo de parón blogueiro.

Na Semana Santa de 2014 pasamos uns días en Puebla de Sanabria e a súa comarca.
O certo é que tiñamos parado moitas veces na vila de camiño a outros lugares, maiormente camiño da meseta, e sempre estivemos tentados a recuncar por algo máis de dúas horas, e desta foi.

Dende calquera punto da contorna, e mesmo ao circular pola NVI, vese no alto o maxestuoso castelo e a vila que o rodea. Mais é cando deixamos o coche e comezamos a camiñar de vagar polas súas rúas cando de verdade se goza da súa arquitectura e dos empredrados tan ben conservados.
Igrexa de "Nuestra Señora del Azogue"
Praza Maior con procesión nocturna
Castelo dos Condes de Benavente

Estar en Puebla de Sanabria obriga, sen dúbida, a visitar o seu castelo, e se é con visita teatralizada como fixemos nós, mellor que mellor.


E dende o alto pódese admirar o curso do río Tera, ou as serras De la Cabrera e "Segundera".

O río Tera visto dende o Castelo de Sanabria
Fóra da propia vila, a contorna móstrase coma un paraíso natural, con múltiples posibilidades de turismo activo. Hai numerosos sendeiros e rutas, que percorren dende o perímetro do Lago de Sanabria ata lugares tan fascinantes coma a "Laguna de los Peces" ou a "Laguna de Cubillas o de la Yegua", pero tamén moitos outros que se poden percorrer a través dos camiños tradicionais como El Puente, Galende, Vigo de Sanabria, San Martín de Castañeda ou Ribadelago Viejo.


Laguna de los Peces

Lago de Sanabria

Na Casa do Parque, un centro de interpretación do parque natural, tamén atopamos interesantes documentos históricos relativos á catástrofe que supuxo para toda a comarca a rutura do "Embalse de Vega de Tera"que arrasou a aldea de Ribadelago en 1959, coñecida como "Catástrofe de Ribadelago". Alí puidemos ver a propaganda franquista e moitos datos sobre a construción do encoro, a traxedia e como reflectiu todo iso a prensa.



E como sempre que viaxamos, o mellor para achegarse á cultura de que cada lugar é probar a súa comida, en Sanabria excelente: os famosos "habones de Sanabria", unhas fabas xigantes e fariñentas que enchen a boca, polbo á sanabresa, pero tamén troitas do río Tera ou pratos cociñados con distintos tipos de setas ou pementos, unha das especialidades de casas de comidas como o Mesón Abelardo.
 
Ensalada de pementos de piquillo

Variado de setas
Tampouco podemos esquecer outros edificios de singular beleza, coma a estación de ferrocarril, nas aforas da vila, construída a mediados do século pasado.


E para coñecer as tradicións máis populares e artísticas, o Museo de gigantes y cabezudos.

En fin, tres días e pico moi ben aproveitados que incitan a revisitar este paraíso natural e cultural, no que, esquecía dicilo, escóitase bastante galego (sobre todo nas aldeas que rodean o lago), e no que a toponimia lembra o pasado lingüístico común desta terra e a nosa.