domingo, 14 de agosto de 2016

Carcassonne, máis que unha cidade medieval

Tanto tempo hai que non escribo por aquí, que xa non sei se darei "conta do recado".

Mais desta volta vou tentar sintetizar a viaxe destas vacacións, porque vai axudar tamén a non esquecer.
Aínda que o reto incluía viaxe en coche de máis de 1800 km, quixemos achegarnos a Xenebra, pero parando antes nunha cidade medieval do sur de Francia: CARCASSONNE ( en occitano Carcassona).
O certo é que parece inclible que unha cidade medieval de semellante tamaño poida estar tan ben conservada e coidada. A súa vista dende lonxe, xa dende a mesma autoestrada é impresionante, pero a medida que un se achega, queda aínda máis engaiolado.

A cidade medieval está na zona máis elevada e separada da Bastide de Saint-Louis polo río Aude, onde se atopa a vella ponte do séc. XIV. Ademais a cidade está atrevesada polo Canal du Midi, unha marabillosa obra que fixo navegable un curso fluvial dende o Mediterráneo ata o Atlántico.

Na cidade medieval destacaba o número de restaurantes e establecementos dedicados ao turismo, todo perfectamente organizado e preparado para que un sentise a necesidade de quedar alí aínda máis tempo.


Na Bastide de Saint-Louis destacaba a catedral de Saint-Michel, onde asistimos por casualidade a unha celebración especial, que servía de homenaxe ao sacerdote asasinado unha semana antes en Francia. Aínda que só estivemos uns minutos, era impresionante o respecto e solemnidade do acto, no que mesmo puidemos escoitar a execución do maxestuoso órgano de tubos. No exterior do templo agardaban tres militares coas súas armas automáticas, como "garante da seguridade".
Le Château Comtal
 As 24 horas que estivemos en Carcassonne serviron para adorar a cidade, pero cumprían 24 días para coñecela de verdade.