Poderá parecer raro, pero a pequena da casa tivo estes días un agasallo en forma de cesta de Nadal, como se fose un aguinaldo.

O caso é que a
Biblioteca Municipal do Porriño convocou novamente o sorteo dunha cesta de libros (como vén facendo nos últimos anos), entre os usuarios e usuarias das últimas semanas do ano. E este ano a sorte levou esa cesta ás mans de Uxía. Así que, aínda que non viñera xamón ningún (e case mellor, despois dos excesos culinarios das últimas datas), fomos polo agasallo. E velaquí.
O volume do continente quizais non deixe ver todo o seu contido, pero foi abondoso e moi variado. Algúns dos libros, sobre todo os de literatura infantil, son dunha feitura e un deseño impecables, que case unha quixera ser nena outra vez para perderse nesas fermosas páxinas.
 |
A araña máis intelixente (Baía Edicións) |
E ademais, todo o lote de libros estaba na nosa lingua. E iso é algo moi de agradecer nestes días, onde sabemos que hai "
recortes" importantes para a edición, tradución e difusión do libro en galego.
Así que vai dende aquí o noso agradecemento aos responsables da nosa biblioteca, que eran eles e non outros os que deberían ter saído na
foto, e os nosos parabéns tamén polo traballo que están facendo de divulgación e animación á lectura.
2 comentários:
Apúntome tamén aos parabéns para a vosa biblioteca polo labor de difusión e de animación á lectura.
Parabéns tamén para Uxía. Unha cesta así non se atopa todos os días!
Saúdos.
Parabéns outra vez !.
Alédome de que tocase o premio "case" na familia.
Postar um comentário