Onte foi un día inesquecible para a cidadanía do Porriño. Non sei moi ben explicar como me sentín, pero cando vin as imaxes da moción de censura no concello sentín como me subían as cores á cara, sentín que os latidos se me aceleraban e na miña boca pequena berrei cousas que non vou reproducir. Sentín vergoña polos insultos, os berros, os apupos, a mala educación, a falta de respecto polo Porriño e polo seu topónimo (centos de veces mal pronunciado) e pola falsidade e hipocrisía dos que agora chegan ao poder.
Non se entende moi ben como despois de seis anos e pico nos que gobernou en minoría o BNG, e nos que a "dereita tripartita" non conseguíu poñerse de acordo, agora toca a hora de facerse de novo amigos, seica que para gobernar polo ben de todos. E digo eu, se ata tiñan mala relación entre algún dos candidatos, que nin se falaban, de onde saíu agora este repentino "namoramento"? Non será que o encantador de serpes de Ribadumia tocou a melodía precisa no momento oportuno?O conto é que se xuntan os do PP, os Independentes (unha escisión do PP), e máis Cidadáns... (unha escisión dos independentes), e por riba a forza máis votada das tres (PP) cédelle a alcaldía á segunda (Cidadáns), e o candidato dos Independentes di que deixa a política...
Ou eu son moi parva ou aquí cheira a ghato.
O único bo que nos queda de todo este vergoñento proceso é que unha boa parte da cidadanía foi quen de saír á rúa e dicir que isto era unha trapallada e que estaba en contra da moción. E así naceu a plataforma contra a moción de censura no Porriño.
De seguro que as cousas xa non volverán ser iguais, porque o noso silencio xa non o poderán mercar nunca máis.



