quinta-feira, 27 de agosto de 2015

Recunco á eira

Difícil se me pon continuar cunha tarefa que xa case teño esquecida, sobre todo pensando en que as últimas publicacións só foron memorias de viaxes. E o caso é que dende xaneiro do ano pasado aínda fixemos unhas cantas, e difícil vai ser lembralas.

Tamén pasaron cousas importantes que ao non ser contadas no seu tempo perden o seu aquel. Máis hai unha, especialmente, que marca un antes e un despois: fóiseme a avoa.

Aínda que nunca vai marchar de todo, a lembranza difumínase no tempo, emerxen recordos que se supoñían esquecidos e, sobre todo, nótase a súa falta tamén nas relacións de todos nós, da súa familia.

Foi a galiña nai, que pariu once pitas e pitos (como dicía un tío meu), pero que foi quen de acubillar a calquera que entrase pola porta. Para ela todos eramos distintos pero tamén todos eramos iguais, e o cariño repartíao sen diferencias, dun xeito espontáneo e natural.

Ata pronto, avoa Esther.


Nenhum comentário: