domingo, 27 de março de 2016

2015 VAI FÓRA

Non sei se saberei continuar desta con este blog, medio abandonado, pero vou seguir intentándoo.

O 2015 xa quedou atrás por fin, porque despois da avoa viu outra perda repentina e dolorosa: foise o noso Polito. O meu tío querido, que non quería que lle chamasemos tío, e que dicía que el era "Polito pito".

Non podo lembrarme da infancia sen lembrarme del, sobre todo dos anos nos que viviu onda nós en Ponteareas. Daquela un mozo rebelde, nacionalista e cariñoso, que non comungaba con rodas de muíños, e que me aprendeu a amar a nosa lingua, os dereitos das clases traballadoras, a defensa dos oprimidos, e que me mostrou como ninguén un anaco da música galega, a que máis marcou a miña infancia e mocidade: Fuxan os Ventos e Milladoiro.

Era, como ben lembrou a xente que o coñeceu, un BO e XENEROSO. Esa é a súa mellor definición.
Agora as súas cinzas alimentan o pai Miño e outras poucas miran cara ao nacente coas fermosas viñas de Arbo na fronte. O mellor sitio onde querería repousar.

Polito coa miña nai, a súa irmán maior.
 Sempre no noso corazón e na nosa lembranza, querido Polito.



Nenhum comentário: