domingo, 27 de maio de 2012

A música que nos une

Houbo moitas e variadas experiencias, nestas últimas semanas, que nos levaron por roteiros da natureza, por sendeiros de amizade e por itinerarios de pracer colectivo. Pero cando lembro as imaxes, os sabores e os arrecendos sempre hai un denominador común: a música.

Hai dúas semanas recuncamos no benquerido Courel, e alí, coma sempre, atopamos imaxes inesquicibles de verdes inimaxinables e de augas cristalinas. Subindo pola ruta do Río Pequeno, en Seoane, escoitamos ademais da música da auga a correr lixeira entre as pedras, as fervenzas e os camiños, o cantar dos merlos e dos paporrubios. Todo era música ao noso redor.
Ruta do Río Pequeno
Esa mesma noite, despois de camiñar arreo case 15 quilómetros, e suar a conciencia coa calor húmida deses días, tivemos a sorte de recuncar en Casa Carlos, en Vilamor. Alí, coma sempre o recendo dos manxares que prepara Marta fixo sentirnos coma no ceo, sobre todo ese pan de trigo e centeo e a empanada de cocido, feita tamén con esa mesma masa. Pero por riba, desta volta houbo fin de festa con música da boa, pois coincidimos alí xentes diversas gustosas da música tradicional con instrumentistas e co mesmo Xan de Vilar, e a música volveu ser de novo o común denominador.
Os máis novos con Xan de Vilar
A nosa música tradicional, guste máis ou guste menos, segue a ser un sinal propio, símbolo da nosa identidade como pobo, no que conflúen persoas de orixe e procedencia diversa só con estar a carón da lareira ou arredor dunha boa mesa. Aquí os máis novos sentiron a herdanza dos maiores e colleron o testemuño desa sabiduría popular. Daba gusto oílos tocar xuntos, sen se coñecer de nada. Un luxo para os sentidos!
E ao día seguinte, de novo a música agasallou os nosos sentidos: subindo cara á Lagoa da Lucenza non había recuncho que non nos devolvese o cantar dos paxaros, o renxer das follas e da lama, ou o son da auga bulindo nas fervenzas. E as imaxes eran aínda máis espectaculares!

Lagoa da Lucenza
Novamente, malia a calor, sentimos que o esforzo pagaba a pena.
O Courel dende a Lucenza
O noso país garda recantos, sabores, cheiros, imaxes e sons por todas partes. Hai que descubrilos!
E como non podo aquí pór o que nós escoitamos, deixo un bonito vídeo onde se pode apreciar como soa a nosa música tradicional, interpretada por un dos grupos de referencia: NOITAREGA

Um comentário:

A nena do paraugas disse...

Gustoume o paseo. E a música!

Bicos.