domingo, 3 de janeiro de 2010

Cos ollos abertos

O Nadal segue e continuamos a aprender das festas, das reunións familiares e dos amigos.
Arredor da mesa e, sobre todo, cando a euforia do bo comer e beber alegran aínda máis o espírito, sempre aparecen as palabras reviradas e con dobre sentido; soubemos que ás veces é preciso recuncar para facer feliz á parella, aínda que por momentos fallen as forzas e mesmo as ganas. Soubemos tamén que a música reconforta os sentidos e engrandece a alma, mesmo cando se canta non moi atinadamente e con algo de desafinación, porque rodeados dos nosos e coa alegría que dan as xuntanzas arredor dunha boa mesa tanto ten cantar o "miudiño" coma "campanas de Belén": o caso é pasalo ben, rir ás gargalladas e gozar da festa do momento. E claro, como desta volta estreouse como gaiteiro o noso pequeno que agora xa non o é tanto, sentimos o orgullo de ter feito algo que realmente paga a pena.

As comidas son importantes, pero as bebidas non o son menos; probamos de todo e sempre cun gusto no padal moi agradecido, dende o "licor do negro café" ata o Albariño máis albariño, saboreándoo todo como se fose a primeira ou a última vez que o degustasemos.

Aprendemos tamén que aínda que na casa non se gardou o "tizón de Nadal" como facían antano, a calor da lareira xunta os corpos e mestura as palabras, e gozamos ao saber que para acender o lume fai falta garamata, que é un conxunto de garabullos ou leña miúda, pero que para mantelo aceso e con forza cómpre máis un bo toro que non o deixe arrefriar.

Verificamos novamente que as badaladas que deron na TVG da nosa Berenguela non estiveron ben anunciadas, e cando comezamos coas uvas xa ían pola segunda badalada. Iso si, coma sempre, os bagos mesturados coa risa e a confusión dos repiques fixéronnos atragoar, pero tragar tragámolas todas.

E entre as mellores cousas gozadas e vividas estiveron tamén os reencontros: coa familia, cos novos amigos e cos vellos amigos e compañeiros. Xustamente polo convite dun deles (Souto de Herville) descubrimos un fermoso Belén.

E tamén lembramos que as palabras poden ser reviradas na súa forma, pois atopamos "Erbille" nun sinal de tráfico da estrada PO-331 cando no Nomenclátor Oficial de Galicia aparece como Erville. E iso agora, que aínda está "en vigor" o Decreto que regula o uso da lingua galega no ensino (124/2007), é dicir, o do 50% e a oficialidade dos topónimos na forma propia, a galega. Que Deus nos colla confesados se entra en vigor o "borrador do novo decreto"... Ao mellor na estrada terán que poñer indicadores trinlingües, por iso do 33% do tipo: Erville - Guisante - Pea!!!

Teremos que estar cos ollos ben abertos neste 2010.
Saúde e boa vista...

Um comentário:

paideleo disse...

O millor desta época é iso: disfrutar con familia e amigos e tragar todas as uvas. E se se aprenden palabras e expresións...millor que millor.