Mostrando postagens com marcador Parabéns. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Parabéns. Mostrar todas as postagens

quarta-feira, 13 de abril de 2011

Orgullo ghaiteiro

Aínda que xa pasou o día, non pasou de todo a romaría. Así que voume permitir un agasallo e presumir de fillo, que se estreou como ghaiteiro na Festa da Reconquista, que había que miralo (como dicimos os de aquí). Que contento estaba e que ben o pasou!
















E falando de orgullo ghaiteiro, o sábado 9 tivemos a sorte de asistir con este aprendiz de ghaiteiro e uns amigos ao concerto que Noitarega deu no Auditorio do Concello de Vigo, xunta a un feixe de convidados de honra. Foi un concerto de excepción no que cada convidado foi integrándose no grupo coma se todos fosen un. Dificilmente explicable con palabras a emoción e o orgullo de noso que transmitiron. 
Só vos recomendo, se é que vos gusta a música tradicional galega, que vaiades escoitalos cando poidades: de seguro que vos han sorprender e non vos deixarán indiferentes.

Para ir facendo boca aquí vos deixo o tema titulado De brincadeira, que canta xunta eles Silvia Costas.
Buscar más artistas como Noitarega en Myspace Music

terça-feira, 18 de janeiro de 2011

A cesta sen xamón

Poderá parecer raro, pero a pequena da casa tivo estes días un agasallo en forma de cesta de Nadal, como se fose un aguinaldo.
 
O caso é que a Biblioteca Municipal do Porriño convocou novamente o sorteo dunha cesta de libros (como vén facendo nos últimos anos), entre os usuarios e usuarias das últimas semanas do ano. E este ano a sorte levou esa cesta ás mans de Uxía. Así que, aínda que non viñera xamón ningún (e case mellor, despois dos excesos culinarios das últimas datas), fomos polo agasallo. E velaquí.

O volume do continente quizais non deixe ver todo o seu contido, pero foi abondoso e moi variado. Algúns dos libros, sobre todo os de literatura infantil, son dunha feitura e un deseño impecables, que case unha quixera ser nena outra vez para perderse nesas fermosas páxinas.



A araña máis intelixente (Baía Edicións)
 E ademais, todo o lote de libros estaba na nosa lingua. E iso é algo moi de agradecer nestes días, onde sabemos que hai "recortes" importantes para a edición, tradución e difusión do libro en galego.


Así que vai dende aquí o noso agradecemento aos responsables da nosa biblioteca, que eran eles e non outros os que deberían ter saído na foto, e os nosos parabéns tamén polo traballo que están facendo de divulgación e animación á lectura.