Mostrando postagens com marcador na lareira. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador na lareira. Mostrar todas as postagens

quinta-feira, 13 de outubro de 2011

Facendo salsa

Hoxe foi un día deses que un non sabe ben por que é festivo, pero que agradece. Deixou vagar para dar unha boa camiñada de mañá pola Risca e Carracido, e despois tempo para dedicarse a labores culinarias.
Como temos a sorte de ter familia con horta, púxenme a facer salsa de tomate cuns cantos quilos destes vermellos manxares que recibimos en doazón. E malia o traballo, teño que dicir que quedou ben gustosa.

Mentres cociñaba o prebe de vagar, que é como se debe facer (cociñar ás carreiras, coa pota a escachoar como di a miña avoa  "é a caldeirada dos porcos"), prendín a tele e comecei a ver aos poucos unha especie de desfile de entroido, no que saía mesmo unha cabra disfrazada, saltando ao ritmo dunha corneta. Despois caín na conta de que ademais era o día do exército, ou algo así. Pareceume algo estraño e anacrónico, así que seguín co prebe, e velaquí o resultado.



Lembrei entón unha foto que compartín no Facebook dunha comunidade indíxena, e despois caín na conta de que ao mellor non só deixei de escribir neste sitio por falta de tempo (que tamén), senón porque o pouco que queda ás veces invístoo nesta rede social, compartindo iniciativas, reflexións e feitos interesantes nos que descubro que non son tan rara e que hai xente que pensa coma min.



E lembrei tamén o historial do meu taboleiro e cousas coma estas (que neste sitio non é tan doado poñer): artigos, música ou fotos ilustrativas.




Aínda así, despois de máis de dous meses volvo pasar por aquí, e a ver se desta volta é para seguir máis a miúdo.

sexta-feira, 7 de janeiro de 2011

A leiriña

Despois de non ter escrito aquí durante algún tempo, tomo agora folgos para comezar con xeito e boa vontade o novo ano, e aproveito para vos desexar a todos un ventureiro 2011 cheo de saúde e traballo.

O mellor destas festas do Nadal son as reunións familiares e a ilusión dos cativos. O resto vén sendo algo secundario, que ás veces apesta a publicidade, hipocrisía e consumismo, pero o que conta son esas outras cousas. E claro, como hoxe viñeron os reis, chegáronnos tamén novas lembranzas da nenez, da familia e dos que xa non están. Pero tamén a sabedoría dos que aínda viven e atesouran un prodixio de memoria e de saber.

Así a nosa pequena puido xogar coa súa tía-avoa á leiriña, aprendemos que o xogo pola nosa zona ten algunhas diferencias a respecto das que coñeciamos, e que hai moitos anos xogaban a el co que fose (marcando na terra as raias e xogando con coios, ou pintando cun tizón no chan e aproveitando os grans de millo para xogar).

E falando, falando, saíu a palabra recadén, que para min sempre foron as cadeiras dunha persoa moi ancha (maiormente unha muller) que destacan sobre o resto do corpo. Porén, no uso que nos descubriu a nosa tía, chámaselle recadén á parte de atrás do carro, a que é máis ancha e leva máis carga.
Un bo símil, sen dúbida, a acepción que eu coñecía!

E como adoita pasar nestas comidas farturentas e repousadas, chegou a hora da festa. O pequeno tocou a gaita e nós bailamos e cantamos. E así descubrín algunhas coplas, descoñecidas para min, que foi debullando a nosa tía cunha facilidade asombrosa, como se as acabara de aprender:

Miña nai o pote ferve,
a da verdura non vén.
Porteliño da horta,
algunha parranda ten.

Algún día ti pensaches,
do meu corazón ter flores.
Agora vai aos codesos,
que chos hai nos arredores.

Moreniña si señor,
moreniña coma a terra,
morena é miña nai,
e meu pai casou con ela.

Se queres que o carro cante,
no monte do Acival,
bótalle o eixo de buxo,
e as deitoiras de nogal.

Costureira non a quero,
non a queiras meu irmán,
que teñen as pernas tortas,
de se deitaren no chan.

Olvidáchesme por pobre,
eu por rico te deixei,
vale máis un pobre honrado,
que un rico de mala lei.

sábado, 3 de outubro de 2009

A Redomiña

Pois non sei se na foto se verá moi ben. O caso é que nas comidas familiares sempre retoñan palabras bonitas, das que se usaban antes e que agora case nin se escoitan.
E falando dun viño de hai moitos anos alguén dixo se non había un "decantador", que así poderíase botar nel para osixenalo antes de o beber. O caso foi que sacamos do aparador o que figura na foto, e a miña nai apurou a dicir: "que bonita é esta redomiña... había unha destas na casa dos avós, que mandara o bisavó de Bos Aires, e só se sacaba no día da festa".
No dicionario aparece "redoma" (vasilla de vidro arredondada, ancha na base e de colo estreito e longo...), mais non esta palabriña tan fermosa.

Despois, como ía moita calor, saímos fóra. E a pequena, que é un fervello, púxose a dar chimpos na herba e a demostrar o seu saber como "ximnasta". Nunha destas, puxo a cabeza no chan, levantou o cú e deu unha volta pasando todo o lombo pola herba. Eu sabía que esa viravolta podía ser un pinchacarneiro ou unha cambadela, pero nunca oíra chamarlle "peneiriña", que foi a palabra que se descubriu ante todos.

O certo é que deberiamos ter as orellas máis abertas e espreitar por esas xoias da nosa lingua que, sen querer, van esvaéndose.