A fin de semana pasada estivemos de excursión polo Xurés coa familia e uns amigos. Das moitas e interesantes cousas que descubrimos a min quedoume ben gravada a flor do azafrán. Estaba por todas partes, mesmo no medio do camiño a nacer entre o xabre e as pedras.
E moi semellante a esta aparecía tamén con frecuencia outra flor de cor tamén lila pero cos pétalos máis grandes e tesos, e cos pistilos máis alaranxados. Tentarei descubrir cal é o seu nome.
O que máis me gustou foi o contacto coa natureza, malia a calor que pasamos (inclible para ser outubro), as comidas en grupo no medio do monte, os morotes dos moitos érbedos que topamos no camiño, o son da auga que remexía nos remuíños e nas levadas dos muíños e que refrescaba figuradamente a sofocante calor das camiñatas, as lerias, os contos e o rebulir dos cativos que non paraban de mexer.
Das rutas que fixemos quedaron especialmente gravadas para o futuro a ruta do Río Mao, cunha chea de muíños e carreiros a carón do río que facían revivir ao máis desfalecido, e a ruta da Corga da Fecha: había tempo que non vía algo igual! Mágoa que non había máis tempo ese día e non puidemos chegar á Cabaniña do Curro, o lugar onde remata o roteiro. Pero habemos volver, e heime bañar nesa auga verde e transparente que parece unha pía de auga bendita.
O nome da ruta é ben bonito e fai honra á dificultade e ao crebado e pendente do terro. Pois corga é un camiño ou terreo cunha pendente moi pronunciada, e fecha ten, entre as súas acepcións, a de salto de auga provocado por un desnivel no terreo.
Nunca mellor bautizado este paraíso da natureza.
2 comentários:
A cabra tira ao monte!
Ja,ja, mira que che di Paidovento, cando el andaba por alí tamén. (Sinto curiosidade da vosa relación).
Tivestes unha boa forma de pasar unha fin de semana, supoño que cansará pero ó mesmo tempo é moi relaxante.
Xa fai tempo que estou interesado nalgunha ruta desas, pero como non vaia co meu fillo só, o resto da familia non lle pega tan ben camiñar.
A poza de auga bendita será ben fermosa, pero bañarme nela... non sei esa auga non é para min.
Postar um comentário