domingo, 10 de janeiro de 2010

Era un airiño soave

Hoxe, á boca da noite, e para continuar un bo comezo de ano, fómonos encher de "ilusión" en familia e con amigos onda o ilusionista Martín Camiña, que trouxo ao Porriño o espectáculo "A outra realidade". E aínda que aos máis pequenos se lles fixo un pouco longo, porque había partes lentas de máis para eles e que non entendían moi ben, o certo é que o espectáculo pagou a pena. Ademais das habilidades do mago, algúns dos "trucos" verdadeiramente máxicos, sorprendeume moito a posta en escena, cunha música e unha escenografía misteriosa e que semellaba saída das tebras, e o acompañamento musical en directo na primeira parte do espectáculo. E para a miña sorpresa alí estaba tocando a súa arpa a benquerida e admirada Marta Quintana.

Entón lembrei a importancia que sempre tivo a música para min e a cantidade de xente que coñecín a través dela. E nas lembranzas veume á memoria a Coral do Porriño, que este ano recén rematado celebrou o seu 50 aniversario, baixo a dirección e estímulo do marabilloso músico e compositor Antonio Paz Valverde. E xustamente porque a sensibilidade deste home tocou distintos nomes das nosas letras poñéndolle música aos seus poemas, entre eles Xosé Mª Álvarez Blázquez, lembrei tamén o fermoso traballo editado pola Biblioteca Pública do Porriño no ano 2008 con motivo da celebración do día das letras galegas adicado ese ano a este escritor. No traballo titulado Palabras Liberadas incluíanse entre outras moitas gravacións o poema "Era un airiño soave" con música de A. Paz Valverde. O primeiro audio que vos poño correspóndese coa peza orixinal escrita para coro e interpretada pola Coral do Porriño.

Era un airiño soave (Coral Polifónica do Círculo Recreativo Cultural do Porriño)

O segundo é unha versión moderna da partitura orixinal na que se mesturan ritmos modernos, sintetizadores e a voz de Marta Quintana. Por certo, que esta versión está feita por dous sobriños do noso músico (Marcos Legazpi e Javi Paz). Bendita a rama que ao tronco tira!



4 comentários:

paideleo disse...

Pois si que tivestes maxia este domingo. Nós tivemos un pouco de maxia nevada a última hora cando espertou o Leo.
Marta Quintana sempre foi unha artistaza, coma o irmán Paco do que non sei nada.
Un saúdo e a ver se coincidimos un día que van caducar os calendarios.

paideleo disse...

Pois mira ti: eu non sabía o dos catro azoutes no cu. E digo eu: por que catro e non cinco ?.

Chousa da Alcandra disse...

Ola Eva.
Hoxe viñen ver o teu recanto seguindo o fío dun comentario teu no blog de paideleo.
E descubro cantas cousas temos en común ti e máis eu. Non so no que dis neste post sobre a música (que a min tanto me ten aportado tamén; tanto como espectador como subido nun escenario coa gaita ó lombo...); senón tamén por outras cousiñas que fun mirando polo blog.
Volverei. Nin o dudes

E para rematar tres cousas:
Unha: Gustoume moito a frase final da entrada.
Dúas: sorprendido por ter a Chousa ligada.
Tres: Un bico!

paideleo disse...

Pois esquecino pero, claro, algo tiña que quedar atrás de tantas actuacións como había.
A personaxe chámase Noddy e ten o privilexio de estar na primeira máquina de moeda que subiu o Leo vencendo ese medo alá en Melgaço.