domingo, 30 de maio de 2010

Muíños do Tripes e sabedoría popular

Aínda que xa hai un par de semanas desta experiencia, non quixera deixar de facer referencia a ela, porque creo que habendo xente coma esta non perigarían tanto nin a nosa cultura nin a nosa lingua.
O domingo 16 de maio tiven o pracer de facer o sendeiro do río Tripes en Pazos de Reis, Tui. O convite fíxomo Alberto Romero, a quen coñezo dende hai anos pero que non tiña visto dende hai moito tempo, da Asociación de muiñeiros do Tripes. Eu sabía que el estaba nunha asociación que pretendía a recuperación dos muíños do Tripes e de todo o que isto leva consigo, como por exemplo a recuperación do burro fariñeiro ou a celebración da festa das papas de millo.
Pois ben , alá fun cos dous nenos e a experiencia non defraudou.
Fixemos unha ruta ao pé do Monte Aloia, seguindo o curso do río Tripes, primeiro cara abaixo e logo cara arriba, e fomos vendo os distintos muíños, as presas, as levadas, e escoitando as fermosas historias que o noso guía foi bebullando polo camiño. Eu ía pensando, entretanto, na sorte que tiñamos ao poder aprender da súa boca todos aqueles pormenores da vida labrega de hai 60 ou 70 anos, porque nese tempo, cando aínda había moito gando e todo o mundo tiña a súa leiriña de millo, aínda que só fora para autoconsumo, os muíños traballaban día e noite, e só á beira deste río había máis de 40 muíños.

Soubemos dos muíños de maquía, aqueles que os propietarios alugaban a cambio dunha parte do millo moído, os diferentes xeitos de facer as presas se a auga ía para un só muíño ou para varios, ou a orixe da muiñeira no ruído que fai o tarabelo contra a moa.
Sinto moito non ter levado a cámara de vídeo para gravalo, porque todo o que nos contou merecía estar nun documento ben feito. Aínda así graveino coa cámara de fotos, pero entre a pouca habilidade miña e máis os medios técnicos que non eran moi bos, o documento recollido é bastante deficiente. Aínda así quero ensinárvolo, para que vos fagades unha idea desta mostra de sabedoría popular, e animarvos tamén a que fagades a ruta: paga a pena.



7 comentários:

♥ meninheira ♥ disse...

Olá :)
Son seguidora do teu blogue mas creio que nunca che dixen nada e hoxe non quería deixalo pasar máis tempo.
O teu blogue é fermoso, teño ido cara atrás no tempo moitas veces e contas cousas moi bonitas, grazas.

Un biquiño :*

paideleo disse...

Gustoume a reportaxe !.

paidovento disse...

Es unha fenómena! Mira ti por onde descubro a orixe do ritmo da muiñeira. Bo traballo!

A nena do paraugas disse...

Hai uns anos, non moitos, alguén me levou ao Rosal, facer o ascenso dos muíños do Folón e do Picón. E tamén mereceu a pena. Non nos acompañaba persoa experta ningunha, pero unha compañeira que sabía bastante da ruta, contounos historias curiosas e foi unha andaina moi enriquecedora.
A miña avoa era muiñeira, o meu avó panadeiro e debe ser por iso que me seducen os muíños.
Non obstante, gustaríame saber se hai algunha posibilidade de facer unha visita guiada aos do Tripes, porque quizais fose unha experiencia interesante para o meu alumnado.
Graciñas por compartir.

Un bico desde o forno.

Carlos Sousa disse...

Moi boa reportaxe. Sempre me gustaron estes temas, que por certo é un dos que teño pendentes. Aínda así é toda unha sorte contar cun guía.

Tamén foi unha sorte ter contactado cun canteiro xubilado que estaba a picar unha pedra para facer a mo do muiño. Se che apetece velo pica aquí

Acuática disse...

Ten un agasallo na miña xanela: http://www.blogoteca.com/acuatica07/index.php?cod=87065. Saúdos.

Moraiminha disse...

Moi boas! Mira ti onde nos imos atopar! Alomenos pola rede, agora podo saber que tal andas. Unha aperta.