quinta-feira, 29 de julho de 2010

Tarde piei!

Pois si, con esta mesma frase me regalou o oído a pequena cando estabamos a bañarnos hai un par de semanas en augas bravas do atlántico. O certo é que o mar estaba aqueles días ben movido e non sempre se podía escapar da súa forza. En medio do baño, e xusto cando andabamos a saltar as ondas para evitar que pasaran por riba da nosa cabeza, a cativa foi sorprendida por unha onda grande que lle fixo tragar un bo grolo de auga salgada; e, de contado, ela berrou ao tempo que ría: tarde piei!

Non sabía eu que a súa cabeciña ía transformar á súa maneira a frase que eu sempre lle digo cando acorda algo fóra de tempo: tarde piaches! Pero o certo é que me fixo rir e sentín que a nosa lingua tamén estaba viva para ela.

O caso é que nestas semanas de calor, nas que nos mergullamos nos areais e en todas as augas que poidan servir para nos refrescar, teño observado que a lingua galega está máis viva do que algúns quixeran.
En Nigrán, a onde acostumamos ir cando imos ao mar máis perto, sempre observo como a maioría da xente fala galego. Si, galego, e iso que en xullo e agosto está chea de "madrileños et alii". Pero a xente da cotorna e de terras próximas fala a cotío na lingua do país. É moi gratificante escoitar como a falan os mozos e mozas adolescentes que "ligan" no areal, ou aqueloutros algo máis maduros que xogan partidos de fútbol na area, ou aqueles pais e nais que levan aos cativos á beira nos seus primeiros baños no mar. Alí mestúranse marabillosamente os sons seseantes e cantareiros da beiramar cos ecos do "tu" ou o "eiquí" que veñen de terra adentro.


Pero tamén cando un sae fóra do país parece que os oídos están máis perceptivos e que son máis permeables a todo aquilo que chega a eles. Así é como tamén observei, durante as vacacións, que os galegos e galegas que paseaban pola cidade da "panza de burro" eran facilmente recoñecibles. E non é que chamase a atención a súa entoación, o seu vocalismo ou a cadencia das súas frases. Non. Recoñecíanse facilmente porque falaban galego, entre eles e cos seus fillos, e iso enchía as miñas orellas de dignidade e orgullo.

RANCHO CANARIO
PAPAS ARRUGADAS
Alí tamén vimos moitos restaurantes galegos, que promocionaban a comida galega e canaria. E é ben certo que degustamos pratos moi saborosos (rancho canario, papas arrugadas, co seu mollo de cilantro, picón ou vermello; ou gueldes fritidos.
Pero o polbo guisado que tomamos aínda non chega ao noso á feira, con perdón, que eles chámanlle "guisado" ao que para nós é cocido.


Por certo, que nesas terras do sur ao millo tamén lle chaman millo.


Ao mellor o que teríamos que facer é ir todos uns días fóra da terriña para decatármonos do afortunados que somos, e para sentirmos de verdade o orgullo de termos unha lingua de noso. E xa se sabe, como parece que o que vén de fóra semella mellor que o propio, se cadra ao mirar cara a dentro dende o exterior decatámonos do seu valor.
A nosa lingua segue a ter futuro e segue viva, dentro e fóra do país.

4 comentários:

A nena do paraugas disse...

Pois algo semellante me sucedeu hai pouco na capital do estado, cnado, paseando por unha rúa cercana a Atocha, alguén me tirou do brazo e me dixo: "Dá gusto escoitar de vez en cando esta lingua tan cantareira". Era unha parella de persoas duns setenta e pico anos que, polo visto, lebavan media vida fóra de Galiza e, o que máis botaban de menos era este estilo propio de cociñar o polbo e o "era o que che me cumpría!".
Desde lonxe vese todo diferente, pero por pouco empeño que se poña, non é preciso saír para darse conta de que o que temos é grande.

Un saúdo.

paideleo disse...

Pois eu sinto falar galego cada vez menos, que queres que che diga ?.Polo menos onde dis. Outro caso é na zona de Fisterra onde quedei abraiado da vitalidade do galego.

Eva G. Rei disse...

Paideleo: ao mellor é que te moves na zona "BIP"...
Na banda dalá, cara Lourido, fálase moito.

paidovento disse...

Non é que escribas con moita frecuencia, pero cando te pos...
Bonito post!