segunda-feira, 21 de fevereiro de 2011

Pola Serra do Galiñeiro

Onte continuamos coa nosa particular xeira por terras do Val Miñor. E é que estaba convocada unha andaina pola protección da serra do Galiñeiro, e alá fomos, malia que a previsión do tempo non era demasiado boa. 
E fixemos ben.
Aínda que os datos varían segundo o medio no que poñan a noticia, o certo é que foi un éxito de participación e unha experiencia moi enriquecedora ter participado nela.

Como fomos cos nenos, o que nos botaba un pouco atrás e que comezara a chover forte e a facer máis frío. Pero ao comezar a subida dende onde deixamos o coche ata o agrupamento do parque forestal de Vincios xa comezamos a entrar en calor e a cousa prometía: había tantos coches aparcados e tanta xente subindo polos distintos camiños cara ao parque que parecía que non iamos caber todos. Pero, por sorte o Galiñeiro é ben grande...cando menos polo de agora.

As 24 asociacións, clubs e entidades que asinaron o manifesto non se equivocaron na convocatoria, e así todos nós "solicitamos a protección da Serra do Galiñeiro para preservar todos os seus valores, para goce de todas e todos nós" e para conseguir a "salvagarda das riquezas naturais, culturais e sociais que alberga" , que deben  conducir á declaración da súa protección.

Polo camiño fomos descubrindo a fermosa paisaxe, malia que a néboa mesta ás veces non deixaba ver máis aló duns metros; e tamén os sinais que os organizadores foron poñendo no camiño, para mostrarnos a desfeita que suporía a explotación dun lugar de tanta riqueza paisaxística, xeolóxica, arqueolóxica, cultural e deportiva, e de recursos acuíferos.

A medida que fomos subindo foi subindo tamén con  nós o frío e a chuvia, que por veces ameazaba mesmo con romper os paraugas. Pero cando chegamos ao cumio e puidemos ver a marea humana de xente que fora subindo ata alí canda nós, pensei que había futuro, e que seríamos quen de evitar que seguiran a estragar unha parte tan importante do noso patrimonio.
Logo xa non sabiamos se mirar cara a Zamáns, cara Monte Ferro, cara a Serra da Groba ou cara o Val da Louriña. Toda aquila fermosura estaba a berrar pola súa preservación, e malia a coriscada que comezou a facernos tremer as mans, un xa non sabía se baixar a sitio máis abrigoso ou continuar a aventura cara o Arruído.

Coa forza de todos nós habemos conseguir gardar esta xoia da nosa terra, coidala e deixarlla nas mellores condicións ás xeracións futuras.



Um comentário:

Beato Darzádegos disse...

Bos días amicus:
Dende fai moitísimos anos subo alí sempre que podo. Unhas veces correndo dende Tui polo Aloia , Prado e cima do Galiñeiro e volta pra casa; ou co velocípedo dende O Calvario pola Garrida, cima do Galiñeiro, Prado, Aloia , Frinxo, Tui , Porriño, Puxeiros e O Calvario.
Nunca imaxinei que tuda isa zona arqueolóxica e paisaxística tivese que ser defendida algún día , tal e como deberon facelo os nosos devanceiros dende os seus poboados e castros.
Unha perda moi importante sería isa gran muralla ciclópea , os seus castros e tesouros, e unha paisaxe impresionante que quedaría hipotecada en mans de "progresos dubidosos"...
Breves saúdos.
Deica logo amicus.