Ben sabemos que os topónimos galegos non sempre son respectados, que foron castelanizados e deturpados centos de veces ao longo da historia, que a ignorancia facía traducións esperpénticas que mesmo daba ganas de rir (por non chorar, claro), e tamén sabemos, para a nosa desgraza, que o pouco interese e o desleixo pola nosa lingua e a nosa cultura fai que ás veces se utilicen os tradutores automáticos indiscriminadamente, e que aquilo que non ten tradución (os nomes propios de lugar ou persoa) aparezan traducidos dun xeito estrambótico.
Pero claro, unha nunca acaba de acostumarse ás aberracións, e tristemente volvín atopar outras.
Buscando non sei que cousa sobre o meu concello atopei unha páxina chamada esgalicia.com, na que alén de promocionar o noso país só en castelán aparecían unhas "traducións" dos topónimos do Porriño que non daba creto a ler, e iso que na propia páxina din "Esta empresa ha sido creada para dar una información lo mas exacta y extensa posible de Galicia".
Como poderedes comprobar se ides á ligazón de máis arriba, O Porriño seica ten unha parroquia que se chama "Perros" e outra que se chama "Pontones". Así que cando veñades de "turismo" por aquí non se vos ocorra buscar por CANS (nin sequera polo Festival de cine), e moito menos por PONTELLAS se queredes ir á festa de San Campio. Pero segundo din nesa web, a comarca e o propio concello están regados polo río Rubio, e por riba na parroquia do Porriño temos un monte que se chama "el monte de la Raya"!
Por se había posibilidade de corrixir estas barbaridades e recuperarmos o noso río LOURO e máis o MONTE DA RISCA, envieilles un correo ao contacto da web avisando dos erros e solicitando a súa emenda. Pero disto xa van máis de dez días e non recibí resposta ningunha.
Non podo entender que se publique unha web destas características e que non teñan o coidado de revisar os textos, sobre todo se lle meten un tradutor. E agora penso de onde sacaron o texto traducido, porque na propia web non está en galego... de onde o fusilarían?
Aínda que pouco poidamos facer, anímovos a que busquedes o voso concello nesa páxina, sinaledes os topónimos deturpados que aparezan e logo lles enviedes un correo avisándoos. Quen sabe, se cadra se somos moitos a queixarnos igual facemos algo.
3 comentários:
Estivo " funny ".
Mirei Ponteareas e pono así: ben Cágana un pouco cando din que por alí pasa " el río Tela " e císcanse de todo cando poñen unha parroquia de nome " Había hozado " ( supoño que será Fózara ).
Parece que sacan os dados de Turgalicia e logo deben aplicar algún tradutor Galego-Chinés-Español e espétana como veña.
Ten que se lle diga! Aparece aínda nalgures o topónimo ORENSE! E da comarca de O Carballiño, non dou atinado a saber cal é a Serra de Mantiñan!
En fin, que así non hai maneira de cultivar e conservar a lingua!
Un saúdo.
Bos días amicus.
Manda carallo vintenove!!...
Pensade que algunhas de istas empresas istán feitas por xente de fora que traballa eiquí e ademais son de dubidosa catadura,tanto intectual coma política.
Mirade ven seica non o farán a mantenta...sin xeito e con gañas de foder unha vez mais.
Anacos de saúdos.
Deica logo amicus.
Postar um comentário