A fin de semana pasada, con aquela lúa chea que daba xenio ver, e máis aquelas quentes temperaturas (máis propias de maio ca de marzo), tivemos o privilexio de estar de novo no Xurés.
E hoxe, ao ver esta nova na prensa, subscríboa e certifico a enchenta de osíxeno que tivemos.
Estas camiñadas polo celme da natureza sempre traen agasallos, uns máis sentidos e lembrados ca outros, pero á fin sempre substanciosos.
Padrendo dende o ascenso |
Cartel no inicio da ruta |
E aprendemos abondo, mesmo dos erros dos outros. Fixemos a ruta de Padrendo, que non hai maneira de saber a lonxitude real que ten: nuns sitios pon 10 km, no cartel do comezo da ruta pon 7 km, e segundo o tempo que nos levou e a dificultade do trazado parecían 15.
Aínda así pagou a pena o percorrido, a dificultade e a calor asfixiante que pasamos. Dende o alto puidemos ver a cara norleste do Xurés e intuír tamén a Corga da Fecha, onde estivemos (na súa parte baixa) ao día seguinte.
Corga da Fecha dende a ruta |
E no descenso, despois de baixar unhas pendentes pronunciadas que obrigaban case a por o "freo de man", topamos cun pequeno lugar onde, curiosamente, unha muller, falando un galego-portugués "perfeito", dicía que alí abaixo estaba a fronteira. Alí chegamos a Torneiros de río Caldo.
Aínda que había construcións que non paga a pena reproducir, atopamos outras (coma a cabana e máis a columna feita con pedras redondas) que parecían xoias do pasado naquel verxel da natureza.
Columna en Torneiros |
Cabana en Torneiros |
Pasamos tamén polo conxunto de hórreos do lugar, logo por un fermoso sobreiral, pola igrexa de Sta. María do Val de Riocaldo e finalmente de novo en Padrendo.
Na seguinte xornada, e malia o cansazo dos nenos, aínda fomos quen de facer un sendeiro que vai dende o balneario de Lobios, á beira do río Caldo, ata os miliarios. De camiño abraiamos coa poza da parte baixa da Corga da Fecha, e o balbordo da auga baixando a cachón, e de volta relaxamos os nosos corpos nas augas mesturadas do río, quentes e frías, como o seu nome di.
Agora creo firmemente que "os bosques do Xurés-Gerês absorben o equivalente ao dióxido de carbono de 87.200 coches". Eu diría que máis.
Fervenza baixa da Corga da Fecha |
Poza final da Corga da Fecha |
2 comentários:
Facer camiñadas non é o meu, pero hai uns anos achegueime a esta fermosa zona da provincia de Ourense. Era un día frío e choviñento, pero aínda así, daba gusto ver estas paraxes.
O que me amola e escoitar ano tras ano que prende lume neses bosques, se non é do lado de acá, é do lado de alá da raia. Sinto mágoa ao escoitar que arde tanta beleza.
Un saúdo.
Así que andastes por Torneiros e non nos miramos ?. Hehehehe.
Esa Corga da Frecha chama ao baño.
Postar um comentário