domingo, 27 de março de 2011

Xurés, cos pulmóns cheos

A fin de semana pasada, con aquela lúa chea que daba xenio ver, e máis aquelas quentes temperaturas (máis propias de maio ca de marzo), tivemos o privilexio de estar de novo no Xurés.
E hoxe, ao ver esta nova na prensa, subscríboa e certifico a enchenta de osíxeno que tivemos.

Estas camiñadas polo celme da natureza sempre traen agasallos, uns máis sentidos e lembrados ca outros, pero á fin sempre substanciosos.
Padrendo dende o ascenso
Cartel no inicio da ruta










E aprendemos abondo, mesmo dos erros dos outros. Fixemos a ruta de Padrendo, que non hai maneira de saber a lonxitude real que ten: nuns sitios pon 10 km, no cartel do comezo da ruta pon 7 km, e segundo o tempo que nos levou e a dificultade do trazado parecían 15.

Aínda así pagou a pena o percorrido, a dificultade e a calor asfixiante que pasamos. Dende o alto puidemos ver a cara norleste do Xurés e intuír tamén a Corga da Fecha, onde estivemos (na súa parte baixa) ao día seguinte.

Corga da Fecha dende a ruta
E no descenso, despois de baixar unhas pendentes pronunciadas que obrigaban case a por o "freo de man", topamos cun pequeno lugar onde, curiosamente, unha muller, falando un galego-portugués  "perfeito", dicía que alí abaixo estaba a fronteira. Alí chegamos a Torneiros de río Caldo.

Aínda que había construcións que non paga a pena reproducir, atopamos outras (coma a cabana e máis a columna feita con pedras redondas) que parecían xoias do pasado naquel verxel da natureza.
Columna en Torneiros

Cabana en Torneiros



Pasamos tamén polo conxunto de hórreos do lugar, logo por un fermoso sobreiral, pola igrexa de Sta. María do Val de Riocaldo e finalmente de novo en Padrendo.

Na seguinte xornada, e malia o cansazo dos nenos, aínda fomos quen de facer un sendeiro que vai dende o balneario de Lobios, á beira do río Caldo, ata os miliarios. De camiño abraiamos coa poza da parte baixa da Corga da Fecha, e o balbordo da auga baixando a cachón, e de volta relaxamos os nosos corpos nas augas mesturadas do río, quentes e frías, como o seu nome di.

Agora creo firmemente que "os bosques do Xurés-Gerês absorben o equivalente ao dióxido de carbono de 87.200 coches". Eu diría que máis.
Fervenza baixa da Corga da Fecha
Poza final da Corga da Fecha

2 comentários:

A nena do paraugas disse...

Facer camiñadas non é o meu, pero hai uns anos achegueime a esta fermosa zona da provincia de Ourense. Era un día frío e choviñento, pero aínda así, daba gusto ver estas paraxes.
O que me amola e escoitar ano tras ano que prende lume neses bosques, se non é do lado de acá, é do lado de alá da raia. Sinto mágoa ao escoitar que arde tanta beleza.

Un saúdo.

paideleo disse...

Así que andastes por Torneiros e non nos miramos ?. Hehehehe.
Esa Corga da Frecha chama ao baño.