Hoxe foi un día deses que un non sabe ben por que é festivo, pero que agradece. Deixou vagar para dar unha boa camiñada de mañá pola Risca e Carracido, e despois tempo para dedicarse a labores culinarias.
Como temos a sorte de ter familia con horta, púxenme a facer salsa de tomate cuns cantos quilos destes vermellos manxares que recibimos en doazón. E malia o traballo, teño que dicir que quedou ben gustosa.
Mentres cociñaba o prebe de vagar, que é como se debe facer (cociñar ás carreiras, coa pota a escachoar como di a miña avoa "é a caldeirada dos porcos"), prendín a tele e comecei a ver aos poucos unha especie de desfile de entroido, no que saía mesmo unha cabra disfrazada, saltando ao ritmo dunha corneta. Despois caín na conta de que ademais era o día do exército, ou algo así. Pareceume algo estraño e anacrónico, así que seguín co prebe, e velaquí o resultado.
Lembrei entón unha foto que compartín no Facebook dunha comunidade indíxena, e despois caín na conta de que ao mellor non só deixei de escribir neste sitio por falta de tempo (que tamén), senón porque o pouco que queda ás veces invístoo nesta rede social, compartindo iniciativas, reflexións e feitos interesantes nos que descubro que non son tan rara e que hai xente que pensa coma min.
E lembrei tamén o historial do meu taboleiro e cousas coma estas (que neste sitio non é tan doado poñer): artigos, música ou fotos ilustrativas.
Aínda así, despois de máis de dous meses volvo pasar por aquí, e a ver se desta volta é para seguir máis a miúdo.
2 comentários:
Benvida de novo.
A salsa ten unha pinta estupenda. Case se pode ulir desde aquí!
O 12 de outubro para min é unha lembranza de dúas boas amigas que xa non están e da miña nai, que sigue aí, facendo xantares para a extensa familia... Ou eu é o único que celebro...
Para min foi a data da miña primeira bebedeira: eu era amigo dun fillo dun garda civil e sacou botellas de vermú ese día de festa que chimpamos entre os dous.
Cousas de rapaces !.
Polo menos ti aproveitaches o día para facer salsa de tomate.
Postar um comentário