domingo, 18 de dezembro de 2011

Froxán, outro paraíso

A fin de semana pasada repetimos de novo e volvemos ao Courel. Desta volta o aliciente, amais da necesidade de volver respirar os cheiros coureláns, foi asistir por primeira vez á Festa de Pisa da castaña, en Froxán. E é que a castaña foi en tempos un dos alimentos máis socorridos na nosa terra, e a súa importancia nestas terras altas foi vital para garantir a mantenza das xentes courelás.

Dende hai uns anos a Asociación Fonte do Milagro quixo recuperar esta tradición na que a xente facía un dos traballos comúns relacionados coa castaña: A PISA, é dicir, o proceso de lle sacar a casca á castaña unha vez que xa foi seca no sequeiro ou canizo, para garantir a súa conservación nos duros e longos meses de inverno.

Pois este ano fomos quen de achegarnos xunto cuns amigos a esta aldeíña máxica, que conserva aínda o recendo do que foi, coas súas construcións de lousa amoreadas en pequenas e estreitas congostras que fan do lugar un recuncho único da parroquia de Vilamor.



Bandoxo
Despois de ver como se facía o pisado da castaña e o abandoxado, para o que movían ritmicamente o bandoxo, tivemos o gusto de compartir mesa cos centos de visitantes e veciños que se achegaron a gozar desta festa tradicional que encheu de música todo o val, e saboreamos un exquisito prato de touciño, chourizo e castañas que nos fixo sentir coma verdadeiros comedores.

Á hora do xantar xa comezara a música, á que se ían integrando gaiteiros, pandeireteiros, bombeiros, tamborileiros, acordeóns, voces e canto instrumento se achegou. E como non, ao haber música houbo baile, moito e bo. Quen máis quen menos tivo que se achegar á roda dos danzantes que sen coñecernos iamos ensarillando puntos e picados ao son da música que ía marcando tamén unha orquestra de descoñecidos.

Nunca tanta festa entre xente allea e nun sitio tan pequeno se vira xunta! Hai que vivilo para crelo.
Pagou a pena, coma sempre, achegarse de novo ao Courel dos tesos cumes...
Nesta ligazón da TVG podes ver máis: http://www.crtvg.es/crtvg/canles-tematicas/festas-galegas/festa-da-pisa-da-castana-de-froxan#.Tu599uzfOWg


Um comentário:

A nena do paraugas disse...

É unha reportaxe interesantísima, sobre unha desas moitas tarefas agrícolas que sempre se levaron a cabo nas aldeas de Galiza e que están a perderse.
Coñezo máis ou menos o proceso, pois traballei no Barco de Valdeorras e en Viana, e por esas terras tamén secan as castañas nos canizos para gardalas para o inverno.

Xa vexo que o pasaches ben, do cal me alegro.

Saúdos.