domingo, 20 de dezembro de 2009

Bo comezo de Nadal


Aínda que moitos falan de que non gustan do Nadal, eu teño que recoñecer que segue sendo un devalar de celebracións que agradezo. Só chega a tristura ao lembrarse dos que xa non están, pero aínda así gústame lembralos nestas datas cando aínda estaban.

Hai uns oito días puxemos na casa o nacemento e máis a árbore, que me seguen fascinando, e que me fan lembrar a infancia na que xa soñaba dende semanas antes con ir buscar a terra e máis o musgo. Pois ben, desta vez eu so dispuxen do lugar e coloquei a materia prima recollida. A pequena da casa encargouse de "montar o Belén" e foi colocando cada cousa no seu lugar, segundo o seu bo criterio. E como os gatos sempre andan nos tellados, segundo ela mesma dixo, plantou dous gatiños enriba do mesmo portal de Belén. Agora xa daba gana de cantarlle este canto de berce.


Pero este Nadal tivo tamén unha "inauguración" das festas diferente. Por convite do meu compadre que conseguiu as invitacións, o maior e máis eu fomos ao concerto de Fuxan os Ventos organizado pola Universidade de Vigo no Centro Cultural Caixanova (ou Teatro García Barbón). Presentaron novamente o seu "Terra de Soños", e pódovos asegurar que foi un verdadero soño. Para min, lembrar toda esa música e esas letras, que dicían máis que o explícito no texto e que agardaban na memoria dende a nenez. Para o cativo, abriuse diante dos seus ollos e oídos un mundo de soños que non agardaba presenciar, nin tan vibrante nin tan divertido. As voces non deixaron de sorprendelo, tampouco o feito de poñerlle cara a aquelas voces que tiña escoitado en casettes vellos, pero ademais desta re-volta o Fuxan de sempre está arroupado por un grupo de músicos magnífico, que fai sentir dun xeito novo o xa coñecido e admirado.






5 comentários:

paidovento disse...

Un post completiño, si señor. Levar, levaríache tempo facelo, pero quedouche bastante ben.
Pois, ala, Feliz Nadal!

Anônimo disse...

van alá uns 30 anos que os curas que me "instruían" no colexio dos Milagros, polo Monte Medo, fixeron de min un roxo galeguista ao agasallarnos con concertos moi similares ao que ti disfrutaches agora no g.barbón, Fuxan os Ventos, Suso Vaamonde, Benedicto e Bibiano, ... Adoutrinamento, extraordinario adoutrinamento...
boas festas e 2010 caralludo. Malo será!

Carlos Sousa disse...

Eu son un dos que vamos repudiando o Nadal polo nivel consumista e matarialista que está a coller, pero teño que recoñecer que me encanta ver as caras de ilusión dos pequenos. A miña pequena leva máis dunha semana preguntándome se mañán é Navidad, non lle da chegado o día (se ben debe ser máis polo tema dos regalos, o dito, materialismo). Na miña casa sempre houbo árbore, pero agora encárganse eles de facelo.

E que marabilla para os oídos escoitar Fuxan os Ventos, precioso.

Que pases unhas boas festas. Un bico.

A nena do paraugas disse...

Cada Nadal é diferente, pero logo de ver uns cuantos e cando xa as crianzas perden, en certo modo a inocencia ao facerse grandes, as luces e o brión mudan o seu brillo.
Aínda así, bendita a inocencia e ilusión coa que cativos e cativas seguen agardando cada ano a chegada do Nadal. Alá no fondo e a pesar de que este tempo semella un tempo de ledicia obrigada, tamén quero seguir sendo cativa e agardo que algo ocorra...
Fuxan os Ventos, do mellorciño.
Bo Nadal e Aninovo.

paideleo disse...

Parece que vai ser para o ano cando quedemos.