domingo, 7 de março de 2010

Máis orgullo aínda

Estes días non me foi doado escribir, e iso que foron moitas as motivacións, pero ás veces o cansazo fai que o último que queiras é porte á noite outra vez diante dunha pantalla.
Como creo que xa se dixo moito, e moi ben dito, acerca de "galego, no sentido máis pexorativo da palabra", non vou perder máis tempo en falar dalguén que non merece máis que o noso desprezo. Iso si, como a río revolto, gañancia de pescadores, os de Augas de Mondariz aproveitaron (moi ben, por certo) o tirón, e sacaron esta publicidade: así aínda estamos un pouco máis orgullosos, que non vén nada mal nos tempos que corren. Iso si, cómpre que se comprometan realmente, porque a súa web aínda está maioritariamente en castelán, e o que está en galego parece feito por un tradutor automático non demasiado fiable.

E falando de orgullo, teño que confesar que me sentín a nai máis orgullosa do mundo estes días atrás, cando a nosa pequena se estreou bailando ao noso xeito, ao xeito tradicional do país. Agora, que comeza a integrarse n'os Penediños, lembro o tempo no que eu tamén empecei a bailar da man de Gloria Caballero, en Ponteareas, e a emoción que supuña para min vestir o traxe e saír a bailar diante da xente. E por riba (á velles, viruelas), dende hai uns meses volvin recuperar a emoción, o xeito e un pouco de forma física (que todo cómpre) para bailar de novo e vestir o noso "pesado" traxe tradicional (que pesa un quintal!). Aí estou de novo bailando a carballesa, a xota ou o pandeiro.

A pequena, que polo de agora só bailou a muiñeira e a ribeirana vaise defendendo. A nai tenta coller a forma precisa (que bailar de seguido a carballesa, a xota e o pandeiro non vos é doado para calquera - modestia aparte -), pero estamos no camiño e seguiremos tentando recuperar o noso, na música e na danza tamén.




5 comentários:

Chousa da Alcandra disse...

Os de Augas de Mondariz a ver se purgan os seus pecados co galego. Con esta publicidade, como ben dis ti, veñen aproveitar o río revolto. Con todo, claro que aleda o ánimo.

Pero orgullosa de ser galega véselle á nena. Seguro que non cabía ben no traxe (tés razón, que pesa abondo). E á súa nai seguro que non lla cabían todas as babas na boca tampouco...

Parabéns polo "bautismo" para a pitufa e tamén para a nai que se anima de novo coa carballesa.

A nena do paraugas disse...

Xa quixera volver bailar carballesas, muiñeiras, ribeuranas xotas e pandeiradas, pero seica os meus xeonllos non están para xogos e, a última vez que o fixen, acabei cunha baixa dun mes. Pero mereceu a pena.
Parabéns para a cativa. E para a nai. Galiza non perde o ritmo, a pesar de que hai quen se empeñe en facelo. Un bico para a bailadeira ( para as bailadeiras, desculpa; as crianzas pérdenme).

paideleo disse...

Augas de Mondariz ten que millorar en muitos asuntos e a ver se se pon.
Eu podo testemuñar que bailas mui ben e co ese sorriso teu sempiterno que tanto fai falla. o gallá a nena siga os teus pasos.
Estes días non vos puidemos admirar no baile de san Rosendo polavisita a Lugo.

Carlos Sousa disse...

Eu supoño que máis ben o fixeron como tirón publicitario, pero polo menos é un detalle. Había que darlle uns groliños desa auga a Rosa Díaz, pero con algún laxante misturado...

Por outra banda, me parece que xa che teño ubicada e máis que ubicada, jeje. Cando me comentaches que viviras na rúa Reveriano Soutullo, andiven a barrenar un chisco, ata que dixen ten que ser. Para asegurarme preguntenlle a miña irmán, e xa non teño ningunha dúbida. Algunha vez estiven na túa casa de pequeno, creo lembrar que nalgún Corpus, pero seguro con miñas irmáns e miña nai cando ían probar os vestidos que lle facía túa nai, Divina, pode ser? E de teu pai Suso o das caravanas en Areas, que sempre se metía con nós na tenda de Pousada.

Xa ves, que pequeno é o mundo.

Por certo, miña irmán é Loli Sousa que tamén estudou na Inmaculada, penso que a coñeces.

Un biquiño, agora de un coñecido, e moitos para a túa pequena para que sigades bailando.

zeltia disse...

atopeite no blog de Carlos Sousa, e vin dar unha volta.
canta admiración por quen sabedes (e sobre todo PODEDES bailar, vaia boa forma física!)
un saúdo, sigo a dar unha volta por aquí.