sábado, 8 de maio de 2010

Desfacendo

Hoxe esquecín levar a cámara de fotos cando fun facer os recados ao centro, pero case mellor. Como xa dixo Paideleo, volveron soterrar as vías do tranvía.
Poida que non lle parecera que o resultado final fose o mellor, pero que despois do traballo e o custo económico que supuxo mostrar ese anaco da historia do Porriño dean en desfacelo e ocultado baixo lousas, non ten perdón.
O caso é que seica era un perigo e que entorpecía moito o paso... Non creo que ese sexa o motivo, porque ademais de ser mentira sempre se podía ter buscado unha solución mellor (poñer unha varanda máis alta, cambiar o tipo de cristal e a ventilación,...). Pero non, do que se trata é de desfacer o que fixeron os outros, para que se vexa quen manda aghora.
E falando de desfacer, tamén están facendo unha boa desfeita as máquinas da deputación que están "empichando" todas as rúas da Gulpilleira.
Definitivamente, tolearon:
botaron tal capa de asfalto que agora parece unha estrada nacional! E creo que tamén andan por Atios e por outras parroquias, de novo para que se vexa quen manda aghora (mentres que nos sete anos anteriores esas mesmas máquinas nin sabían onde quedaba O Porriño).

E desfacendo, desfacendo, ao mellor tamén toca algo pola Escola de Música. Onte comunicáronnos nunha reunión da ANPA que o alcalde non tiña moito interese en continuar coa escola, que eran demasiados gastos e que coa banda de música chegaba!
Teremos que agardar logo a que saia a concurso a nova concesión, pero se é así, creo que veñen tempos revoltos na Louriña.

6 comentários:

paidovento disse...

Desgrazadamente a maioría da xente "ama" o asfalto, sobre todo se llo botan á entrada da casa.

paideleo disse...

Eu flipei cando mirei que tapaban as vías. Como se nota que non doen os cartos dos demáis.

revoltadafreixa disse...

Ola.
Déixoche un agasallo de blog amigo.
Saúdos.

A nena do paraugas disse...

Sempre o mesmo e sempre diferente. OS técnicos que traballan para os políticos teñen unhas ideas moi raras sobre a conservación das cousas. O caso é levantar por levantar. Pregúntome se os concellos non teñen en que gastar os cartos, pois primeiro gastan en facer, logo en desfacer e volver facer. E mentres pérdese un patrimonio e non se arranxan e coidan os parques dos barrios porque non hai cartos para empregar a persoas que os coiden!
En fin!

Carlos Sousa disse...

Canto máis endeudados estén os Concellos máis cartos gastan sen xeito. É o que dis, teñen que desfacer o que fixeron os anteriores, sen pensar en si vale a pena ou non. O das máquinas da Deputación, está claro que só aparecen en certos Concellos, cunhas siglas moi especificadas.
Donde non che gastan cartos e cos temas de Educación. A ver se tedes sorte coa Escola de música. Nós aquí en Ponteareas, despóis do follón do IES novo, agora andamos a voltas co Colexio Fermín Bouza Brey (o número 2). Da noxo ver o seu estado, e o pasotismo por parte das institucións.

A cruz da Campá disse...

Eu preguntome ¿canto non se reduciría o deficit púbrico se non se estibese a facer, tirar e refacer sempre o mesmo?