Hoxe o día amenceu morriñento, coa preguiza esa que se acubilla en nós cando comeza a refrescar e se fai preciso achegar a roupa ao pescozo ao espertar. Parecía máis un día do norte que do sur, maiormente polas nubes negras e grises que fixeron do ceo un mar de algodón.
Lembrei as NORDESTINAS, que o sábado estiveron no Porriño regalándonos os sentidos...
A súa forza no directo é marabillosa: a voz profunda e agarimosa de Ugía; a vocalización e expresividade magnífica da voz aguda de Guadi; e os harmónicos sons producidos polos vertixinosos dedos de Abe envolvéronnos nas ondas dese mar do norte do que falaban.
Claro que, á parte da música, as súas palabras e comentarios retranqueiros tamén nos enriqueceron, e así soubemos que aos jodechinchos chámanlles en Cedeira carollos (referido principalmente aos veraneantes de Ferrol). E é que en todas partes espiga o pan, e xa se sabe que entre veciños...
Dende este sur abafante, nun verán ardente e longo de máis, recibín con verdadeira emoción e pracer aos nordestinos, igual que hoxe recibín marabillada o cheiro a inverno coa auga do ceo feito de algodón gris.
2 comentários:
Cada vez escribes mellor. O que é a práctica...
E ben morriñento que apareceu !.
Non sabía eu iso dos carollos pero,claro, un non vai saber todo.
Benvido á blogosfera despóis deste verán senapuntamentos.
Postar um comentário