Esta mañá decidín recuperar o saudable hábito de ir camiñar a lume de carozo. Para min é unha das mellores formas de sentirse áxil, san e comezar o día con forza: desentumécense os músculos, fas exercicio e súas sen precisar unha forma física de profesional, e por riba, neste tempo que arrefría, sentes ese airiño fresco contra a cara que estimula todos os sentidos.
Como debe ser certo iso de que "a cabra tira ao monte", adoito coller cara a Cans, que ten uns camiños e corredoiras á beira do monte Castelo que abre as veas do corazón. Pero hoxe topei cunha sorpresa no camiño: moito antes de deixar a zona urbanizada batín, case co pé, cunha sabandixa no medio e medio da beirarrúa. E como adoita pasar cando vés algo digno de fotografar, pois non levaba a cámara. Así que desta volta aproveito esta foto que topei na rede e que ten ao pé o nome do autor.
Despois, como non estaba segura de que o nome fose o correcto busquei nos dicionarios, e tampouco cheguei a saber con certeza se estaba ben chamado ou non, pois atopei que pode ser un dos nomes que recibe a samesuga, que non ten nada que ver. Así que a ver se alguén me saca de dúbidas.
Lembrei tamén que na nosa casa utilizamos "sabandixa" para referirnos a unha mala persoa ou a quen fai mal coa lingua, é dicir, que fala mal dos demais.
E en resultas dei en pensar que malia estarmos cada vez máis rodeados de cemento e asfalto, aínda quedan recunchos onde segue viva a fauna do país. E iso é unha fortuna!
Pagou a pena a camiñada.
7 comentários:
Por esta Terra do Medio chamámoslle "salamanca".
A min, xunto cos sapos, é un dos bichos que menos "afición" lles teño...
Pois por Arbo chámase zaramela ( salamandra en español ).
Pon salamndra en google imaxes e comproba.
Ao oeste da Louriña, ou sexa en Vigo e no Val Miñor, chamámoslle sarmaghanta. O nome que se emprega como padrón é píntega, aínda que os dicionarios recollen tamén salamántiga e as súas variantes.
Unha cousa curiosa son todas as prevencións supersticiosas contra o animaliño, que aínda por riba ostenta unha cor amarela moi avisadora (o amarelo e o vermello son avisos de perigo na república animal)
A miña avoa chamáballe salamántiga, aínda que tamén se chama píntega ou pinchorra. Dicía a miña avoa que era mellor manterse lonxe dela, pois tiña un veleno moi activo na pel.
Un saúdo.
Hola!
Eu chameille sempre Sabandixa, como me ensinaron, pero si che digo a verdade non me gustan moito estos bichos.
Grazas
No Morrazo faláronme dunha señora á que lle chamaban de mal nome Sacarrancha, porque disque tiña unha lingua moi velenosa. Pero a veciña que a bautizou chamáballe "sarabandixa" ó becho con pintas. Tampouco lle tiña boa pía: dicía do animaliño que, se che botaba o aire,podía pórche as mans ou os pés inchados e a pel coas mesmas manchas.
Saúdos.
Pola miña terra chamámoslle pinchorra.
Apertas e felices festas.
Postar um comentário