domingo, 14 de novembro de 2010

Sabandixa

Esta mañá decidín recuperar o saudable hábito de ir camiñar a lume de carozo. Para min é unha das mellores formas de sentirse áxil, san e comezar o día con forza: desentumécense os músculos, fas exercicio e súas sen precisar unha forma física de profesional, e por riba, neste tempo que arrefría, sentes ese airiño fresco contra a cara que estimula todos os sentidos.

Como debe ser certo iso de que "a cabra tira ao monte", adoito coller cara a Cans, que ten uns camiños e corredoiras á beira do monte Castelo que abre as veas do corazón.  Pero hoxe topei cunha sorpresa no camiño: moito antes de deixar a zona urbanizada batín, case co pé, cunha sabandixa no medio e medio da beirarrúa. E como adoita pasar cando vés algo digno de fotografar, pois non levaba a cámara. Así que desta volta aproveito esta foto que topei na rede e que ten ao pé o nome do autor.

Despois, como non estaba segura de que o nome fose o correcto busquei nos dicionarios, e tampouco cheguei a saber con certeza se estaba ben chamado ou non, pois atopei que pode ser un dos nomes que recibe a samesuga, que non ten nada que ver. Así que a ver se alguén me saca de dúbidas.

Lembrei tamén que na nosa casa utilizamos "sabandixa" para referirnos a unha mala persoa ou a quen fai mal coa lingua, é dicir, que fala mal dos demais.

E en resultas dei en pensar que malia estarmos cada vez máis rodeados de cemento e asfalto, aínda quedan recunchos onde segue viva a fauna do país. E iso é unha fortuna!

Pagou a pena a camiñada.

7 comentários:

Chousa da Alcandra disse...

Por esta Terra do Medio chamámoslle "salamanca".
A min, xunto cos sapos, é un dos bichos que menos "afición" lles teño...

paideleo disse...

Pois por Arbo chámase zaramela ( salamandra en español ).
Pon salamndra en google imaxes e comproba.

Acuaática disse...

Ao oeste da Louriña, ou sexa en Vigo e no Val Miñor, chamámoslle sarmaghanta. O nome que se emprega como padrón é píntega, aínda que os dicionarios recollen tamén salamántiga e as súas variantes.

Unha cousa curiosa son todas as prevencións supersticiosas contra o animaliño, que aínda por riba ostenta unha cor amarela moi avisadora (o amarelo e o vermello son avisos de perigo na república animal)

A NENA DO PARAUGAS disse...

A miña avoa chamáballe salamántiga, aínda que tamén se chama píntega ou pinchorra. Dicía a miña avoa que era mellor manterse lonxe dela, pois tiña un veleno moi activo na pel.

Un saúdo.

FERNANDO SANCHO disse...

Hola!
Eu chameille sempre Sabandixa, como me ensinaron, pero si che digo a verdade non me gustan moito estos bichos.
Grazas

Rdf disse...

No Morrazo faláronme dunha señora á que lle chamaban de mal nome Sacarrancha, porque disque tiña unha lingua moi velenosa. Pero a veciña que a bautizou chamáballe "sarabandixa" ó becho con pintas. Tampouco lle tiña boa pía: dicía do animaliño que, se che botaba o aire,podía pórche as mans ou os pés inchados e a pel coas mesmas manchas.
Saúdos.

Raposo disse...

Pola miña terra chamámoslle pinchorra.
Apertas e felices festas.