Pois si, desta volta volvemos saír da terriña. E aínda que xa hai varios días que volvemos aínda nos queda o pouso con ese sabor forte e delicado do queixo de Cabrales, e ese cheiro a terra húmida e xenerosa.
Estivemos aloxados en
Poo de Cabrales, nos mesmiños Picos de Europa, e de certo que pagou a pena. Dende alí tiñamos esta fermosa vista do
Pico Urriellu (ou Naranjo de Bulnes).
Aínda que o tempo non acompañou o desexado, aproveitamos ao máximo as treguas que nos daba a chuvia para facer camiñadas e botarnos ao monte, e dende logo non han borrarse logo da nosa memoria a
Ruta de entrelagos (en Covadonga), a
subida a Bulnes ou a
Ruta do Cares, que fomos quen de facer ida e volta (Poncebos-Caín-Poncebos, 24 km), e iso que a nosa pequena só ten 8 anos.
Este paraíso natural fíxonos mudar a perspectiva durante uns días, cunhas vacacións atípicas ás dos últimos anos. Pensamos como podía vivir a xente nestas latitudes hai 60 ou 70 anos (sen ir moito máis aló), a dureza das súas condicións de vida pero tamén a sorte de vivir illados do "mundo civilizado", de tal xeito que puideron manter a esencia da súa cultura, os seus hábitos de vida e o contorno privilexiado no que vivían.
|
Rebeco na ruta do Cares |
Soubemos tamén que a orografía do terreo facía posible que se adaptasen especies animais impensables noutros lugares próximos, coma os
rebecos, que parece que teñen o don do equilibrio e da acrobacia, e que en rutas coma a do Cares camiñan case á beira da xente.
Ou que o "quebrantahuesos" (crebaosos) está praticamente extinguido deste hábitat, pero que hai un
programa que intenta recuperalo e evitar a súa desaparición dos Picos de Europa, xustamente onde a fisonomía destas montañas rochosas facían posible que botaran as súas presas contra os "rompederos" (abas dos picos onde se amoreaban as pedras que se ían desprendendo dos cumios e que lles servían para lle romper os ósos ás súas presas, que deixaban caer dende o alto).
A música da súa fala, o
asturianu, era agarimosa e estaba presente por todas partes, mesmo naqueles que só falaban castelán, pero que lles berraban aos
guajes (nenos) para que tomaran un pouco de
quesu antes de
folgar. E dende as máis altas
mayadas sentiamos os pastores chamar polos seus rabaños de cabras ou vacas para muxilas e facer ese
quesu de Cabrales, único e saboroso. E que hai palabras irmás das galegas coma o "jou" (para un burato), que semella o "ghuá" do xogo das bólas, e de aí lle vén o nome do
Jou de los Cabrones, en Bulnes.
Coma sempre, tentamos probar todos os pratos típicos da terra (fabada hóuboa e ben boa), e sobre todo aqueles que non coñeciamos: fabes con andaricas (nécoras),
cachopines de setas ou pementos recheos con salsa de Cabrales.
|
Fabes con andaricas |
|
Pementos ao Cabrales |
|
Ruta do Cares |
|
|
Bulnes |
|
E en definitiva, uns días de lecer, abraio perante a natureza e actividades saudables que fortaleceron o noso físico e a nosa mente. Agora, xa renovados e coa forza do "ghas" da sidrina, vimos co depósito cheo para traballar con ilusión e gozar dos momentos de lecer que nos deixe o verán.
Que como din neste blog que atopei "
Con fabes ya sidrina nun fai falta gasolina".
2 comentários:
Estades feitos uns trotacamiños de aúpa.
Eu lera non sei onde que o " quebrantahuesos " en galego é " inchapeidos ". Non me preguntes de onde vén o nome.
A ver se nos miramos un día.
Asturies é dunha singular beleza. Hai 30 anos, cando meu irmán vivía alá, levoume por todos os recunchos e non sabería dicir cal me gustou máis.
Algún día teño que volver, pero cada cústame máis facer maletas e cargar mochilas!
Postar um comentário