segunda-feira, 21 de novembro de 2011

Era visto!

Pois si. Ventando os "neboeiros" que chegaron despois do reconto das mesas, onte fixemos o re-magosto, desta volta cos cativos tamén.

O día non puido estar mellor, mesmo pasamos calor de máis (quen o ía dicir nun 20 de novembro). Claro que, coincidindo nesta data certas celebracións do pasado, un pode agardar calquera cousa.
Nós, mentres houbo luz, aproveitamos para comer, beber, tocar e escoitar música, xogar ao pano, ao brilé e ao fútbol, que neste lugar hai sitio para todo. E suamos, rimos e abafamos, pero sobre todo pasámolo de medo, e aínda máis os máis cativos.

Así que o abraio que veu despois das dez da  noite xa formaba parte doutro día, doutro rumbo que haberá que coller apertando ben as cordas entre as mans.
De agora en diante o panorama vai mudar, e non precisamente a mellor. E por riba estaremos rodeados de soso-men e sosa-women, aburridos e grises, igual que apareceu o día hoxe.

Para combatilo ocórreseme que se poden ver algúns capítulos desta miniserie cómica da TVG, ERA VISTO, que sempre pode axudar a rir, mesmo de nós mesmos.

3 comentários:

A nena do paraugas disse...

Foi unha boa opción para pasar un día pouco normal de novembro (climatoloxicamente falando).
Verás, comer do que haxa, cantar, falar e rir, aínda que sexa aos poucos, é o mellor que se pode facer cando pintan bastos. Ou iso di a miña nai, que diso sabe moito. E logo, cando veña o tempo malo, xa haberá momento para días grises.

Biquiños. E paciencia. E forza.

Raposo disse...

A mal tempo, boa cara, non!!

paideleo disse...

Corrixido o do mago Antón.
Non só semello ter problemas cos brazos que tamén as neuronas andan na verza.
Só fixen dúas fotos e esa do blogo é a millor que me saiu.