terça-feira, 27 de dezembro de 2011

Bo Nadal e ventureiro 2012

Pode ser que nestas datas o costume de agasallar bos desexos afogue un pouco a sinceridade, pero eu hei de confesar que a min segue a gustarme o Nadal. Aínda que boto en falta os que xa non están, paréceme que o feito de xuntármonos coa familia e os amigos ben vale celebracións e bos desexos.

A avoa de 90 anos aínda segue a ter para min ese poder de "atracción fatal" como a galiña que acubilla todos os pitos no seu niño. E como nas comidas familiares sempre saen palabras para lembrar, case sempre da boca da xente de máis idade, na nosa Noiteboa saíron na conversa as GALIÑAS VENTUREIRAS, aquelas que chocan os ovos onde cadra. E tivo graza o conto, porque eu levo varios días a desexar VENTUREIRO ANO NOVO, para que a sorte e a felicidade sexan donas das nosas vidas.

E despois das xuntanzas familiares tamén queda tempo de gozar dos recunchos enfeitados das nosas vilas e cidades, que aínda somos quen de preparar malia o fado adverso que se aveciña. Na Praza Maior de Ourense atopei dúas destas mostras, boas para lembrar. E con elas quero desexarlle a quen pase por aquí as mellores festas e un VENTUREIRO 2012.


3 comentários:

Concha L. F. disse...

Desde aquí o mesmo vos desexo a vós.

Bo Nadal e mellor Aninovo.

paideleo disse...

Non sabía o das galiñas ventureiras.
En Arbo, co frío, directamente xa non poñen nada.
Bo fin de ano e felices Reis !.
A ver se nos miramos un día destes.

Raposo disse...

Feliz 2012!!!