Aínda que xa levo tempo sen deixar aquí anotacións, cómpre deixar constancia, para non esquecer, dos días que vimos de pasar en Menorca.
É difícil resumir nunha soa entrada o que esta illa tan pequena contén, pero o que máis me chamou a atención é que sendo un destino turístico importante teñan preservado tan ben o seu patrimonio natural e histórico: cidades ben conservadas e construídas coma Ciutadella ou Maó;
Porto Ciutadella de noite |
Maó e Fortalessa La Mola |
praias virxes coma Trebalúger ou Cala Mitjana, ás que só se pode acceder a pé a través de camiños de terra, nas que non hai duchas nin contedores de lixo, nin falta que fai;
Trebalúger |
Cala Mitjana |
ou verdadeiros monumentos prehistóricos coma a Naveta des Tudons ou Torre d'en Gaumés, nos que se poden ver en moi bo estado de conservación restos de poboados prehistóricos ou construcións funerarias feitas man a man, pedra a pedra;
Naveta des Tudons |
Taula Torretrencada |
En Menorca todo semella historia, mesmo cando un comeza a camiñar polos interminables roteiros do Camí de Cavalls, unha senda do século XIV que percorre todo o perímetro da illa, e que se pode facer para acceder aos incontables lugares que só teñen acceso peonil.
É ademais unha illa multicultural e multilingüística, que parece lembrar a presencia de franceses e ingleses durante o século XVIII, pero que non esquece a súa lingua propia: o menorquín, a variante de catalán que se fala na illa. É curioso que durante a nosa estadía escoitamos falar italiano, francés, inglés, alemán e español, máis tamén, sobre todo en lugares menos turísticos, onde vivían os "nativos", oíase falar menorquín. Mesmo iso chamou a atención do fillo maior, que observou uns rapaces adolescentes que falaban na súa lingua propia e comentounos que en Galicia, porén, iso non era o habitual. Parece mesmo que o pobo menorquín está orgulloso de todo aquilo que lles é propio e que os diferencia, e iso, lonxe de ser unha pega é un atractivo máis para os que imos de fóra.
Farol en Cala Morell |
Hai moitos detalles que nos poden dar idea do coidado que mantiveron en
xeral en manter este pequeno anaco de terra no Mediterráneo, mesmo nas
urbanizacións máis modernas onde non se ve cableado aéreo e mesmo parece
que os farois son calquera cousa menos iso.
Coma sempre, a gastronomía é unha boa mostra da cultura dun pobo, e os sabores que alí degustamos convidaban a quedar aínda moitos días máis: caldereta de llagosta o de peix, as exquisitas gambas, cuixot, sobrasada, queixo de Maó, ou a escalivada con anchoas que probamos en Ses Voltes Espai Gastronómic, situado no mesmo corazón de Ciutadella.
Aínda que tamén visitamos e bañámonos nun dos areais turísticos máis famosos, Cala'n Porter, non puidemos, porén, visitar a Cova d'en Xoroi, pois o día que fomos xa era moi tarde e só compensaría pasar alí un par de horas tendo que pagar os 12 € que cobraban pola entrada a cada persoa (nenos incluídos). Unha mágoa que esa cova natural teña unha explotación privada.
Iso si, para levar un bo recordo doutra cova menorquina, fomos visitar, despois dun estreito e longo camiño a pé, a Cova des Coloms, e aínda que a noite viña enriba nosa e pasamos algo de apuro, pagou a pena o esforzo.

Escalivada con anchoas |
Queixo e embutidos menorquíns |

Pero Menorca é tamén, sobre todo no inverno, a illa do vento. Puidémolo comprobar durante dous días nos que non deixou de soprar a Tramuntana: mesmo parecía que tiña un remuíño dentro da cabeza. Non me estraña que digan que ese vento fai entoleirar.
Ademais tivemos tamén goce musical, porque puidemos asistir a un concerto de órgano na igrexa de Santa María de Maó, que non deixa indiferente a ninguén. Realmente pagou a pena.
Un pracer eses días en Menorca, con sol, auga e vento a rabiar, pero sobre todo cunha cultura descoñecida que nos fixo namorar da illa.
2 comentários:
Vaia, estasme deixando os dentes longos.
Polo que vexo, a viaxe mereceu a pena. Vai haber que ir alá!
Postar um comentário