segunda-feira, 10 de setembro de 2012

Os Ancares, respirando natureza

Había ben tempo que lle tiñamos ganas, así que hai uns días puxémonos en marcha para pasar unha fin de semana nos Ancares.
O plan incluía pateada, por suposto, pero tamén boa comida e ghastar os ollos de ver tanta cousa bonita.
O único problema foi a viaxe de ida, que se fixo un pouco longa de máis (4 horas entre paradas e algún despiste no itinerario). Pero aínda así, chegar a Piornedo fixo esquecer calquera mareo ou malestar.
Piornedo visto dende arriba
Aloxámonos na Cantina Mustallar, unha casa de hóspedes moi familiar onde a comida caseira reconfortou a longa viaxe e o exercicio agotador do día seguinte. Malia a calor abafante, mesmo á noite (que non refrescou nadiña de nada), facíanos pensar que estabamos en calquera val do interior e non nunha aldea de alta montaña.
Ademais, ao seu carón, a mesma familia ten a Palloza-Museo "Casa do Sesto", unha verdadeira xoia recuperada, con cariño e orgullo do propio, que nos deixou abraiados.

Eu tiña visto nos filmes a xente andar pola neve cunha especie de "raquetas" para non se afundir: un calzado especial para andar pola neve, os seus típicos marañois.
Marañois
Descubrimos un mundo marabilloso e descoñecido na nosa contorna habitual e familiar, e mesmo os horros (que é como lle chaman alí) parecéronnos máis asturianos ca galegos.

Serbal dos cazadores (cancereixo)
Pero do que vimos e coñecemos, nada tan impresionante coma a subida ao Mustallar, o cumio dos Ancares galegos. Admiramos os regatos, os restos arqueolóxicos coma As Coviñas, a veiga do Campo Redondo, a flora autóctona (acivro, serbal dos cazadores, arandeira, e mesmo algunha faia); a fauna (corzos, vacas, águias ou cabalos), e a beleza da paisaxe, da que deducimos que debe facerse moi brava no inverno, cando chegan o frío e a neve, pero que agora era para nós o paraíso.
As Coviñas




Montes de León dende a Golada de Porto

Tramo final da subida dende a Golada do Porto
 O último treito da subida, dende a Golada de Porto, semellaba un ascenso ao ceo, e abofé que así nolo pareceu en canto chegamos ao cumio. Respirar aquel aire puro case me quita a respiración, foi coma encher os pulmóns e botarse a voar.
Mustallar

Os pequenos no cumio do Mustallar, co Courel ao fondo
Gozar da natureza sempre paga a pena, pero a montaña ten un aquel de superación e de esforzo físico que fai aínda máis fermoso o seu descubrimento, e sempre se atopa algo co que abraiar.

2 comentários:

paideleo disse...

É unha mágoa a diferenza de idade entre os nosos fillos porque seguro que estariamos por esas terras tamén.
Bueno, quedará para a terceira idade.

Concha L. F. disse...

Soamente fun unha vez, non hai moito, e de pasada, pero quedei ben abraiada pola beleza deses lugares.