sexta-feira, 4 de setembro de 2009

A pita tola

Xa hai días que ando a voltas no meu caletre, como diría o detective Conan, coa importancia que teñen os xestos na transmisión da lingua. E cando digo xestos non me refiro á linguaxe xestual, senón a determinadas actitudes e feitos que os gobernantes fan e desfan coa lingua propia do país, e daquela tamén, coa nosa cultura. Porque as voltas que lle dan aos feitos para desfacelos é cousa ben revirada.

Aínda que teño que recoñecer que non me gustan nada os debuxos xaponeses, os cativos da casa están ensarillados con algún, e especialmente neste tempo co fantástico detective nipón.

E o certo é que, ben mirado, valen máis vinte minutos destes debuxos para a transmisión da nosa lingua que todas as desfeitas que está a facer a Consellería de Educación. Como ben di M. Rivas "O pinchacarneiro que tiveron que dar para non chamar escolas galegas ás escolas galegas"; é máis, mira que desfacer o nome de Galescolas para darlle o nome dunha pita, que por riba é azul... manda truco!

Agora xa non sabemos se cando menos van permitir fomentar o uso do galego naquelas contornas galego falantes, porque o que é nos ámbitos castelán falantes temos a certeza de que non. Claro que, con iso da "imposición lingüística" coa que querían obrigar aos cativos e cativas de 0 a 3 anos a cantar cancións en galego, a aprender ditos, refráns e xogos de palabras na nosa lingua ían claramente en contra da súa liberdade e da dos seus pais...

Pero alén dese estado de esquizofrenia no que temos que abandonar o propio polo alleo, ao mellor conseguimos emitir sons do tipo . "co, co, ro, cooooo" ou "qui, qui, ri, quiiiiii", coma no poleiro. E xa postos, era mellor que lle chamaran "A pita tola": é máis lúdico, cómico e enxebre que "a galiña azul" ou "the blue hen". Porque os nosos pequenos ben seguro que viron algunha vez unha pita tola pero, unha galiña azul?

5 comentários:

Brasilego disse...

Querida Eva, o poder despótico começa corrompento a língua, porque é o patrimônio do povo. Mas não se aflija. Você e o Paco já fazem muito com as crianças. Elas vão ter o galego vivo na suas vidas. E não esqueças o que o teu primo brasilego sempre te diz. A língua galega teve dois filhos. Um deles se emancipou além-mar. Agora, maior de idade e com petróleo, vai emerger e cuidar da sua mãe, com amor e ternura.

paidovento disse...

Eu creo que no canto de galiña azul, lles debían chamar "can verde", por aquilo da rareza.
Unha aperta.

paideleo disse...

Hai anos vendían pitos tinxidos no mercado así que facilmente podería haber unha galiña azul.
E menos mal que é unha galiña e non unha gaivota !.

Chousa da Alcandra disse...

O pinchacarneiros foi olímpico, certamente; pero seica é o que se leva nos tempos que corren: facer complicado o sinxelo e vice-versa...

Ó respecto das galiñas azuis, escoitei por algures que xa hai unhas camisetas que levan unha escrita que di:
"Fala galego, non sexas galiña!!"

Saúdos dende a Chousa (Verde!!!)

Anônimo disse...

Lembro o conto da mestra que invita aos nenos a pintar un pitiño cunha sombrilla. Un pequerrecho pintou o pitiño de rosa e a "señorita" indignada lle preguntaba onde tiña visto un pito de cor rosa?...o neno respostoulle que o vira no mesmo sitio onde ela o viu cunha sombrilla....