sábado, 3 de outubro de 2009

A Redomiña

Pois non sei se na foto se verá moi ben. O caso é que nas comidas familiares sempre retoñan palabras bonitas, das que se usaban antes e que agora case nin se escoitan.
E falando dun viño de hai moitos anos alguén dixo se non había un "decantador", que así poderíase botar nel para osixenalo antes de o beber. O caso foi que sacamos do aparador o que figura na foto, e a miña nai apurou a dicir: "que bonita é esta redomiña... había unha destas na casa dos avós, que mandara o bisavó de Bos Aires, e só se sacaba no día da festa".
No dicionario aparece "redoma" (vasilla de vidro arredondada, ancha na base e de colo estreito e longo...), mais non esta palabriña tan fermosa.

Despois, como ía moita calor, saímos fóra. E a pequena, que é un fervello, púxose a dar chimpos na herba e a demostrar o seu saber como "ximnasta". Nunha destas, puxo a cabeza no chan, levantou o cú e deu unha volta pasando todo o lombo pola herba. Eu sabía que esa viravolta podía ser un pinchacarneiro ou unha cambadela, pero nunca oíra chamarlle "peneiriña", que foi a palabra que se descubriu ante todos.

O certo é que deberiamos ter as orellas máis abertas e espreitar por esas xoias da nosa lingua que, sen querer, van esvaéndose.

5 comentários:

paidovento disse...

Bonito post!

paideleo disse...

Peneiriña: bonita palabra !.

Carlos Sousa disse...

Ola Eva. De primeiro grazas polo comentario e o apoio nun tema tan complicado como o do instituto. Queríannola meter doblada, pero parece que non vai ser así.

Xa fai tempo, naquel post sobre os debuxos do carro, estiven a piques de comentarche algo, pero as presas e non saber ben que dicir, fixo que desistira.
Encántame o teu estilo e esas entradas tan etnográficas. Todo o que sexa recuperar as nosas costumes está moi ben, e se dende aquí podemos axudar, mellor.

A palabriña, tampouco a coñecía, voulla a ensinar a miña pequena que fai moitas.

Unha aperta, veciña.

Rdf disse...

Agradecido polo comentario. A min gústame máis o teu blog có meu.
Tamén che agradezo a nova do certame publicada en "Reblogdela". Voulle facer a ligazón por ver se a algún dos meus clientes lle apetece picar algo.
Aburiño.

Rdf disse...

Mil desculpas polo trabucamento. Xa ando preto da demencia senil...
Deixo corrixida a metedura de zoca.
Saudiña e grazas.