segunda-feira, 31 de janeiro de 2011

As Penisas pequenas

O sábado pasado tiven a oportunidade de facer unha xeira por Monteferro (Nigrán) que non tivo desperdicio. Foi unha camiñada guiada organizada polo IEM dentro das III Xornadas de Toponimia de Pontevedra.
O certo é que a miña ignorancia sobre a riqueza patrimonial deste concello viuse desbordada pola explicación do que foi o noso guía no percorrido: Xosé Lois Vilar. Porque á parte de debullar e situar, dende a perspectiva de Monteferro, moitos dos topónimos da talasonimia desta costa, fixo medrar o meu interese sobre este eido do noso patrimonio inmaterial.
Soubemos que o fondo mariño é para os mariñeiros como a terra para nós, e que hai fondos, lombas, area, chapas e restos de afundimentos, penedos e rochas cunhas características peculiares, que fan que as nomeen  para as identificar e saber que peixe ou marisco hai alí, ou que perigos traen consigo: o Rapacarallos, o Lobo, a Bombardeira, a Tinalla, as Encostas de Sansón ou os Carallóns. E mesmo aquelas que nomean penas ou illotes que provocaron afundimentos.

Pero o que máis me sorprendeu foi a grande cantidade de achados arqueolóxicos da que nos falou, e sobre todo, cando nos diriximos cara a Punta da Mexiloeira e descubriu ante os nosos ollos As Penisas pequenas.
Alí mostrounos, logo de descalzarse, un enorme penedo cheo de muíños naviculares ou muíños de man, unhas fochancas en forma de barca practicadas nas rochas para moer o gran. Así, nesas pequenas excavacións na rocha, durmintes dos muíños, imaxinamos como facían para moer e esfarelar o gran dos cereais, e como moverían a man do muíño (a pedra coa que petaban nel).
Ademais, segundo nos explicou, a franxa de terreo que abrangue dende Camiña e Valença do Minho até o Morrazo é o lugar de Galicia onde existe unha maior concentración destes petróglifos, que veñen asociados en moitos casos con arte rupestre.
Mesmo nos mostrou tamén podomorfos, marcas na rocha a xeito de pegadas de pés humanos (que seica algún daqueles debía ter o ácido úrico, que tiña deformado algún dos ósos do pé - dixo medio en broma -). Finalmente a xeira continuou cara a Serra da Groba pero eu non puiden ir. Iso si,  non hei de demorar moito a miña particular visita, agora que xa teño o vezo metido no corpo.


Recomendounos facer unha visita nocturna, que seica é o mellor xeito de apreciar as formas dos petróglifos, acompañados duns focos, claro está.
No verán o IEM organiza algunhas destas xeiras, así que haberá que estar á espreita. Dende logo é unha visita máis que recomendable, e se pode ser con guías desta calidade, mellor que mellor.


3 comentários:

paideleo disse...

Unha mui produtiva xeira.

A nena do paraugas disse...

Cantas cousas se descubren camiñando!

Un saúdo.

Souto de Herville disse...

Combidote a que visites a Serra do Galiñeiro. Amosoche algunhas das imaxes tomadas o ano pasado.
https://picasaweb.google.com/111338357216471524940/ClubDeportivoSociedadeDeCazaSerraDoGalineiro?authkey=Gv1sRgCIuR8q-a76JN#.

Por outro lado:
http://hoxe.vigo.org/artesania/wordpress/

Feira, cada primeiro domingo de mes, no paseo de Alfonso XII.
O día 06-03-11, estaremos coas nosas galiñas.

Saudos.