O mellor destas festas do Nadal son as reunións familiares e a ilusión dos cativos. O resto vén sendo algo secundario, que ás veces apesta a publicidade, hipocrisía e consumismo, pero o que conta son esas outras cousas. E claro, como hoxe viñeron os reis, chegáronnos tamén novas lembranzas da nenez, da familia e dos que xa non están. Pero tamén a sabedoría dos que aínda viven e atesouran un prodixio de memoria e de saber.
Así a nosa pequena puido xogar coa súa tía-avoa á leiriña, aprendemos que o xogo pola nosa zona ten algunhas diferencias a respecto das que coñeciamos, e que hai moitos anos xogaban a el co que fose (marcando na terra as raias e xogando con coios, ou pintando cun tizón no chan e aproveitando os grans de millo para xogar).
E falando, falando, saíu a palabra recadén, que para min sempre foron as cadeiras dunha persoa moi ancha (maiormente unha muller) que destacan sobre o resto do corpo. Porén, no uso que nos descubriu a nosa tía, chámaselle recadén á parte de atrás do carro, a que é máis ancha e leva máis carga.
Un bo símil, sen dúbida, a acepción que eu coñecía!
E como adoita pasar nestas comidas farturentas e repousadas, chegou a hora da festa. O pequeno tocou a gaita e nós bailamos e cantamos. E así descubrín algunhas coplas, descoñecidas para min, que foi debullando a nosa tía cunha facilidade asombrosa, como se as acabara de aprender:
Miña nai o pote ferve,
a da verdura non vén.
Porteliño da horta,
algunha parranda ten.
Algún día ti pensaches,
do meu corazón ter flores.
Agora vai aos codesos,
que chos hai nos arredores.
Moreniña si señor,
moreniña coma a terra,
morena é miña nai,
e meu pai casou con ela.
Se queres que o carro cante,
no monte do Acival,
bótalle o eixo de buxo,
e as deitoiras de nogal.
Costureira non a quero,
non a queiras meu irmán,
que teñen as pernas tortas,
de se deitaren no chan.
Olvidáchesme por pobre,
eu por rico te deixei,
vale máis un pobre honrado,
que un rico de mala lei.
2 comentários:
Cantas coplas perdidas por non apuntalas!
Feliz Aninovo! Ogallá traiga saúde para traballar e traballo ata cansar. Ben nos cómpre!
Di que si.O millor destas festas é a familia e a ilusión dos pequenos. E se iso vai acompañado de paroladas con ensinanzas; pois millor que millor.
Postar um comentário