A Devesa |
Había ben tempo que agardabamos poder meterlle o dente, pero desta volta foi, e de certo que cumpriu as espectativas. Por iso, antes de que se borren da memoria as imaxes, os sons e os arrecendos, non podo deixar de mostralo, que xa antes outros o fixeran por min.
Saímos da aula da natureza en Moreda e o camiño foise abrindo maxestuoso á beira do río Moreda, e afastándose del a medida que iamos ascendendo. Non sei dicir a cantidade de árbores e plantas que vimos, pero, coma sempre no outono do Courel, abraiáronos as cores dos castiñeiros - uns acastañados e outros máis rubios -, que facían do camiño un abano de cores entre verdes-vermellas-amarelas que quitaban o sentido. E por riba o orballo, que por momentos se fixo sentir de xeito insistente.
Entre castiñeiros |
Castiñeiros e abeleiras |
Acivros |
Teixos |
Fonte do Cervo |
E finalmente, despois dun longo ascenso de case dúas horas, pisando unha alfombra vermella de follas e ourizos, chegamos á Fonte do Cervo, onde os dous mananciais parecían ferver no medio da néboa e do orballo.
Alí nacen, nunha mesma rocha, dous mananciais distintos: un de augas ferruxinosas e outro de augas calcáreas, que seica teñen propiedades curativas e sona de estimular o apetito.
O certo é que o noso saíu estimulado, non sei se polo esforzo ou polos sabores que esta terra nos ofrece, pero á noite demos boa conta de deliciosos manxares en Vilamor, onde saboreamos novamente castañas con xabarín, entre outros variados agarimos que lle demos aos sentidos.
Castañas con xabarín |
Ao día seguinte a ruta foi máis sinxela, que tiñamos dores musculares e os nenos estaban algo cansos. Así que saímos de Seoane e collemos o roteiro da Ponte de Covas, e despois enlazamos coa ruta da Mina da Cova. Aquí a natureza brillou novamente ante os nosos ollos, pero por riba as raiolas de sol que se coaban entre a follaxe dábanos a impresión de estarmos camiñando polo mesmísimo Arco da Vella. Logo atravesamos o río Lor e uns soutos centenarios ata chegar a Esperante.
Así que sendo tan proveitoso este "paseo natural", non habemos tardar en recuncar.
Que razón tiña Novoneyra:
"Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home..."
3 comentários:
Desde logo que entre estas ábores, nesta paisaxe tan inmensa, calquera se sinte nada.
Agora ben, o do xabarín con castañas si que supera! Claro que despois da andaina, ben cómpre repoñer forzas!
Un saúdo.
Ten mui boa pinta !.
Teño feito algunhas rutas por esa zona; vale a pena perderse por esa naturaleza maxestuosa.
Castro de Vilar, Formigueiros, Pia Páxaro, Devesa de Paderne, Mina da Toca, Lagoa de Lucenza: todo un pracer para os sentidos.
Postar um comentário